ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

Archive for Agosto 2009

EROTISMO NO VATICANO

with 2 comments

O proceso de aggiornamento da igrexa católica aínda non chegou aos cartaces prohibidores. Este é un dos que perviven á entrada nada menos que da Basílica de Sampedro. As ilustracións, con seren confusas, parecen apuntar a ombreiros e pernas (hai un guiño mesmo a Tristana* coa perna desprendida) como causantes de desarreglos hormonais en templos. Resulta curioso comprobar cómo unha adolescente debe poñer un tocado para tapar (aínda que transparenten) os ombreiros, pero pode entrar un harekrishna co embigo de crines ao ar. Pode unha muller amosar o canal de panamá como teño eu visto con ledicia e gran razón á vista da canícula romana, pero non a clavícula sobresainte nos ombreiros. Que fai máis deleitoso o ombreiro ca un peito? Que ten un xionllo que non teña a parte interior do cóbado? Excita máis un muslo ca un asomo de pelo (aínda que canoso) en peito? 

Eu creo que as autoridades eclesiásticas colocan ás entradas das basílicas aos tipos máis saídos da congregación: a súa mirada impertérrita os delata. Aguantan como campións as embestidas da carne, pero, arrecarallo, saben ben o que pon e o que deixa de poñer. O arbitrio pasa pola entreperna, ad portam dei.

*Gracias, Bouzafría: vexo todos os anos, por razóns académicas, Tristana, pero a imaxe do nome da vinateca (sic) que rexenta Sergi López na película de Coixet confundiume.

Written by arume

31/08/2009 at 17:23

Publicado en Uncategorized

BAGNO VIGNONI

leave a comment »


Os rincóns fermosos da Toscana son infinitos; un deles, ademáis, resulta extravagante. O sul de Siena é unha sucesión de suaves outeiros totalmente cultivados. Os ríos, que en verán desaparecen, crean as vales que dan categoría mesmo cultural a estas terras: Valdichiana, Val d’Elsa, Val d’Arbia. O río Ombrone que desemboca en Grosseto, xa con algo máis de auga, mesmo para regar arrozais na Maremma, configura case toda esa conca fluvial, onde destaca a Val d’Orcia, recoñecida como patrimonio da humanidade pola Unesco. 

A val recorre os terreos más baldíos e ao tempo os máis fertis de viñas e oliveiras, nun contraste acusado que favorece o artificio da paisaxe. Nesta val sobrancea Bagno Vignoni, un pequeno lugar, en tempo solicitado por Lorenzo il Magnifico ou por Catalina de Siena, de augas termais. Coñecida desde época romana (e aínda etrusca, como case sempre), a sorgente de augas caldas fornece unha piscina antiga central que ao comezo era o núcleo principal da poboación. Agora estas augas proporcionan ao visitante dos distintos establecementos hoteleiros (de luxo case todos) o pracer e os beneficios das súas propiedades termais. 

As augas destes mananciais, ademáis, discorren libres por unha canle pequena esculpida na roca, antes de se precipitaren por uns penedos de caliza branca. A corrente de augas quentes, empregada na idade moderna para mover varios muiños construidos na empinadísima aba da montaña, remata nunha modesta vasca, nin grande nin profunda, que, cos sedimentos dos minerais e coa lama branquiña da terra, posúe unha característica cor leitosa que non impide que a xente dos arredores veña alí a refrescar o corpo e tamén a vista, xa abraiada de tantas belezas como ten que soportar durante a estadía toscana.
O viaxeiro ocasional ignora estes espazos, pero, coas Termas da Saturnia ao sul da Toscana ou as célebres de Chianciano onde se rodou Oito e medio de Fellini, insigne visitante, as termas de Bagno Vignoni e estas piscinas ao ar libre, constitúen unha referencia entre sentimental e sexual dos italianos e italianas. 
A lúa de agosto e as estrelas fugaces de san lorenzo son testemuñas mudas do que escribo.

Written by arume

30/08/2009 at 21:43

Publicado en Uncategorized

ADULTI CON RISERVA: EDMONDO BERSELLI

with 2 comments


Estou entusiasmado con este libro: Adulti con riserva. Como’era allegra l’Italia prima del ’68. O autor, Edmondo Berselli, é un dos meus preferidos, por estilo, riquísimo e irónico, e por asunto, a cultura camp (segundo concepto de Sontag), que en español trató tantas veces Manolo Vázquez Montalbán. Neste libro, digamos de costumes, con aire melancónico, tristísimo, conta a vida dun mozo da Emilia (de Campogalliano, provincia de Módena, onde fabrican os Bugatti) nos anos cincuenta e sesenta, con referencia á relixión (o pancatolicismo), á educación (coas diferencias de clase ou a disciplina aplicada), á política (coa democraciacristiá como panacea universal), aos xogos, ao sexo, ao recordo mesmo da segunda guerra mundial o das cinzas aínda encesas do fascismo. O libro é sensacional, magnífico. Non hai traducción: peccato.

Pero escribo esta pequena nota porque atopo este párrafo que parece calcado da miña infancia, malia ser eu un pouco (ou un moito, segundo se mire) máis novo ca el. Está a falar do pai que o leva as tardes do domingo a ver a equipa local que xoga en algo similar á terceira división (ou sexa similar á Ponferradina, agora a Deportiva). Escribe:
Facíao a mala intención, porque das gradas chovían algunhas blasfemias en dialecto e en italiano; estas últimas soaban moito peor porque se distinguían perfectamente e eran moi formales. Pero nin así eu as escoitaba: a miña concentración estaba en como aqueles modestos aficionados quitaban o corner ou en controlar se o balón caía no punto exacto prescrito polo manual teórico.
No seguir do xogo, mesmo meu pai, catolícisimo e democratacristianísimo, esquecía os improperios blasfemos e se deixaba envolver polas discusións con calquera espectador: “òpsei”, que quería dicir “offside”, fóra de xogo, aínda que a construcción dialectal prevalecía sobre a corrección lingüística. E iso que meu pai sabía perfectamente como se dicía ou se pronunciaba porque estivera durante tres anos prisioneiro dos ingleses, nun campo próximo a Leamington, no norte de Inglaterra, e aprendera algo a lingua. Pero todos berraban “òpsei”: era un termo xeralizado polo pobo, e tamén meu pai se adecuaba á ciencia común, sen demasiados problemas de fidelidade fonética”
Meu pai, á marxe do linier que tamén diciamos nós agora substituido por un vergonzante xuíz de liña, dicía sempre “orsai” por fóra de xogo e “fau” por fóra de banda. Aínda hoxe ignoro de onde vén esta última palabra (foul é falta, pero non fóra de banda), pero a narración de Berselli e o emprego naqueles anos de palabras directamente traidas do inglés en dous sitios tan distintos, en dúas épocas non tan lonxanas, sen embargo, levoume por un intre ao campo de Santa Marta (agora non existe) alá polos finais dos anos sesenta, cando os domingos pola tarde cheiraban a farias por entre as bancadas cheas de homes con bigotillos de fina liña. 

Written by arume

27/08/2009 at 16:53

Publicado en Uncategorized

ITÁLICAS

with 4 comments


Un dos tópicos máis habituais sostén a afinidade entre Italia e nós, entendido este pronome en sentido ben amplo. Esa especie pode sustentarse nalgunhas semellanzas aparentes, pero para quen, coma min, visita o país tantas veces, resulta difícil de soster. Vexamos algúns dos seus costumes para comprobar as diferencias. 

A diferencia horaria resulta xa decisiva. O país érguese moi cedo: ás 5 e media en verán xa están levantados e ás 8 da tarde xa é case de noite. O almorzo consta de brioche e café, tomado sempre de pe. En Italia é case imposible atopar lugares onde tomar o café máis de dez minutos. O xantar de mediodía, en sentido estricto ás 12 da mañán, non consiste máis ca nun panino, un tramezzino (un sandwich lixeiro), unha piadina (un bocadillo con pan de pizza), ou un trozo de pizza. Un agua ou unha birra acompaña o ágape, case sempre tomado tamén de pe. Algúns sentan nunha mesa, por pouco tempo, para probar un prato de pasta e tomar o café obrigatorio antes de seguir a xornada pola tarde. A cea faise cedo, sobre todo ao norte, mentres que a partir de Roma para baixo poden cear máis tarde das nove. Cean un pouco máis forte, pero nestes últimos anos, como acontece tamén polos nosos pagos, reducen a enchenta a un só prato, ocasionalmente un dolce, e o inevitable café. Raro que tomen viño (non é estraño dados os prezos) de botella e prefiren a garrafa co rosso ou branco da casa. É costume dar unha volta tras a cea para tomar un xeado ou para tomar unha granita (en Roma) ás veiras do Tíber aproveitando a magnífica temperatura da noite. 

Nos bares apenas hai ruido. Non berran e non teñen televisión e se a hai está sen voz. En moitos locais hai sempre unha caixa que tende a cobrar antes de tomar algo. Nunca collen as moedas directamente e, por suposto, deixan o cambio enriba dunha bandexa. Non debe estar ben visto dar diñeiro de man en man: alguén o outro día me dixo que aquí tampouco estaba ben visto. Na miña casa sempre me advertiron que os cartos se dan sempre á man. En Italia, é imposible. Os camareiros, lonxe da tópica das pelis americanas, son entre ásperos e hostís, sen apenas espazo para o sorriso, sexan do lugar máis turístico do mundo ou rexenten unha pizzeria no curuto dun castelo inhóspito. 
Comezan a dar bicos polo lado esquerdo da cara do bicado, se se tercia. Non sempre se bican. Non adoitan facer topless nas praias, salvo que sexan libres e sexa estranxeira a libertaria que se atreve nese ambiente de pudores. Eso si, os homes prefiren o traxe de baño slip ao calzón boxer ou ao bermudas. As gafas de media cara son obrigatorias. Hai menos gorduras. Non están afeitos aos accesorios praieiros porque gustan de ir aos arenais con concesionarios onde alugan todo o atrezzo. 
Os homes miran sempre, miran mesmo se te estás a cambiar de bikini, sen remilgos. Costa traballo poñerse á súa altura: esa desfachatez debeu ser unha materia troncal no bacharelato. Os bares sempre están cheos de homes. Non hai mulleres nos bares, nin siquera nas terrazas dos bares dos centros principais das cidades. Digo bares e se estamos nunha pequena vila, os homes ocupan as rúas e as prazas centrais dun modo hexemónico. As mulleres están na casa, ou traballando ou no comercio atendendo. Dá a impresión de que os homes non traballan. Na vila onde estabamos, todos os comercios estaban atendidos por mulleres: as tendeiras, a carniceira, as do kiosco, as da panadería. Se hai un home, fai de relacións públicas, parola co incauto que chega e deixa o labor ás fímini que diría o Camilleri. Non coñezo mundo máis dividido entre mulleres e homes có italiano. 
Conducen non peor que en Vigo, pero chégalles. Ignoran a liña continua, pero a cambio non tocan o claxon case nunca. Hai que dicir que un acostúmase de inmediato: non é difícil. Os carabinieri impoñen, pero sempre polo seu matonismo. Teñen a gala deixar unhas patillas e unhas liñas de barba macarrís e miran como se procederan ao teu exterminio. Intimidan a conciencia: a amabilidade e a natureza de servidores públicos non está no temario das súas oposicións. Son arbitrarios en moitos casos e por iso temibles. 
Non fan cola ou mellor dito se saltan sistemáticamente a cola. Eu cría que eramos o único pobo preparado para as colas paralelas ao mostrador. O pobo italiano é experto na cola de guerrillas. Se un está a piques de ser atendido, que no se faga ilusións: sempre asaltan un ou dous por ambos lados para chegar primeiro ca ti. É tal a desconfianza que sinten ante o orde e as normas, que para evitar melanconías, as saltan sen problema algún. Eu vin como unha muller entraba nos Uffizi pola vía falsa, mancontro en man finxindo falar con alguén, e lograba entrar primeiro que non menos de trinta persoas. Á saída aguantou toda a parrafada de insultos que lle cairon como se oira chover, cos billetes na man como signo de victoria.
A limpeza é notoria nas vilas e nas pequenas localidades da Toscana, mesmo en Firenze ou en Arezzo (unha cidade ben limpa a pesar de que atopamos alí a un antigo exministro do interior español) pero é imposible en Roma. Resulta difícil atopar unha cidade tan suxa en moitos continentes á redonda e, o que é peor, con poucos visos de ser paliado. Era patético ver unha máquina de limpar as rúas cun fío de auga que apenas chegaba ao chan e cos cepillos a dez centímetros do empedrado dar un paseo polo trastevere nunha mañán quente de verán. Unha fraude, como tantas outras, nesta cidade: non pagar o autobús (ou polo menos entrar co risco de que entre un revisor) ou, xa legalizada, cobrar dous euros e medio por coberto nos restaurantes, a piques agora de ser eliminado. 
As estradas son infinitamente peores. Na Toscana teñen a gala non promover a construcción de novas vías para non aumentar o turismo. Unha autoestrada recorre a rexión desde Lucca a Firenze e da capital ata o límite da rexión cara Roma. Tres superestradas (Livorno-Florencia, Siena-Perugia e Florencia-Siena) sen arcén, cos gardamedos metidos case para dentro e onde se vai a centocorenta (con controllo elettronico de velocità, eso si, respetado onde está o cartel), cheas de curvas perigosas poñen a proba ao conductor. O resto son estradas que aquí La voz de Galicia, día si e día tamén fotografiaría para escarnio de todos. En Toscana, consérvanse ademáis corredoiras (de terra branca, eso si) para comunicar vilas, nun curioso sentido do enxebrismo viario. 
De todos estes costumes o do uominismo italiano (machismo lle chaman eles) é o máis acusado. Estranos resultan para min certos discursos nos xornais progresistas: semellan escritos hai vinte anos ou máis no noso país, pero son ben clarividentes da situación da muller en aquel país querido.
Foto: Il Pasquino.

Written by arume

26/08/2009 at 22:46

Publicado en Uncategorized

UNITÀ D’ITALIA

with 3 comments


O ano 2011 cumprense centocincuenta anos da proclamación en Torino do fin do proceso longo e costoso da chamada Unità d’Italia. Co gallo de tal conmemoración, o debate parece centrarse na propia cerna da unidade: é a Italia, despois de tantos anos, un país realmente unificado?

Durante estes días de agosto puiden comprobar, a través principalmente das páxinas dos diarios La Repubblica e Corriere della sera, que o asunto resulta moi preocupante para os intelectuais máis progresistas (a chamada centrosinistra, xa non digamos a decididamente esquerdista), que comezan a ver a posibilidade dunha ruptura constitucional no país. Resulta moi rechamante (non estraña para os que non somos nacionalistas) que sexan os sectores máis dereitistas (xenófobos e filofascistas) os que de forma constante e contumaz saian á palestra pública, a manifestar o seu desexo de autodeterminación, maxime cando ocupan cargos ministerais no goberno do país que non consideran (íntegramente) seu.  

Estes días de agosto, de vacacións para a meirande parte dos políticos, adoitan ser (falo por outros anos) os preferidos para as soflamas de Bossi e dos ministros leghistas. A proposta lexislativa, anterior ao verán, de establecer a obriga de pasar un exame de dialetto (sic) para prazas de funcionario (co propósito explícito de favorecer aos naturais de cada rexión ou, dito moito máis claro aínda, para evitar e impedir a chegada de persoas doutras partes do país, xa non digamos de inmigrantes) se suma durante o mesmo mes de agosto ao anuncio de presentación en setembro dunha lei de bandeiras que ha colocar ao mesmo nivel protocolario as das distintas rexións (algunha obviamente previas á propia tricolor como a de Sardegna ou da Lombardía co escudo savoiano e outras creadas ad hoc hai apenas cinco anos) coa tricolor. A Lega Nord ocupa, entre outras, a carteira de Agricultura (desde a que se pronuncian contra os alimentos foráneos como o arroz basmati ou as froitas tropicais: sic, sic) e a carteira de Interior, co seu famoso ministro Maroni e as súas polémicas normas contra inmigración ou a favor da creación de rondas (de inevitable tufo fascistoide que nin siquera os alcaldes do partido de Berlusconi admiten: o propio Alemanno detesta eses somaténs) contra a suposta delincuencia que presentan a diario con tons dramáticos as canles televisivas de Mediaset. Tamén posúen a importante carteira de reformas polo federalismo en mans do seu caudillo e senatur Umberto Bossi. Este último, desde a súa casa de vacacións en Ponte di Legno, ataca un día si e outro tamén, durante as plácidas xornadas de verán, baleiras de actividade política, os principais raigames do republicanismo italiano, nunha especie de revisionismo completo do concepto unitarista do estado. Se o ano pasado ameazaba con un exército de padanos cruzando o Po para defender o seu territorio, este ano tira cos signos identitarios (pide cambiar o Fratelli di Italia polo Va pensiero), coa compracencia dos seu correlixionarios e co certidume de que a esquerda ou a opinión pública van tomar eses comentarios entre o escándalo rutinario (xa case están afeitos) ou a indeferencia polo que entenden quecementos momentáneos de miolos (sic), froito do excesivo caldo d’estate. Entre mentres, e sen disimulo, Bossi ocupa os titulares destes días co establecemento simplicísimo da diferencia entre os italianos emigrados (“foron traballar”, contestado nalgúns xornais italianos co recordo da mafia americana) e os inmigrantes (“veñen a matar”), coa repulsa novedosa e, en certo punto, estrana para min, da Igrexa, que ve con ollos cada vez máis iracundos o teor das barbaridades xenófobas do Senatur. 

Berlusconi, con este panorama, apenas sae da súa reclusión cartuxa. Está a dieta e confía en que de regreso das vacacións poñerá as cousas no seu sito. Pero, polo de agora, non desexa perder a hexemonía neste terreo agora fráxil do norte onde compite coa Lega, entendido que a esquerda desta parte septentrional de Italia está desaparecida ou aparece integrada baixo as camisas verdes dos autoproclamados secesionistas da Padania. Il cavaliere garda silencio, pero deixa cair que son babecadas do Bossi, ao tempo que admite mutatis mutandis a posibilidade de introducción dos exames de linguas e pasa de lado sobre os símbolos nacionais para que sexan os seus socios de partido, antiguos representantes da Alleanza Nazionale, quen sentencien a unidade inescindible da patria italiana.

A esquerda e os progresistas italianos (o chamado centrosinistra) son os únicos que defenden en liñas xerais a idea de nación unitaria. E están seriamente alarmados. Reclaman, cando argumentan sobre este particular, o imaxinario garibaldino, a construcción do risorgimento, a unidade antifascista, o constitucionalismo xurdido do plebiscito de 1948 e recean, despois das últimas reformas de descentralización efectiva do país, do carácter insolidario das declaracións de Bossi, non rexeitadas de forma contundente polo presidente do Consiglio.

Porque estas loitas pola lexislación autodeterminista agochan outra lea paralela, non tan simbólica e cultural, que preside desde hai tempo calquera reflexión sobre Italia: a fenda entre Norte (co Centro incluido moitas veces: Toscana, Umbria) e Sud, co engadido se cabe dunha Roma ladrona culpable de todos os males. A irresolta (e ao parecer irresoluble) “questione meridionale” (agora rexurdida na voz do presidente da rexión siciliana, farto de ser abandonado polo goberno central e acalado inmediatamente por unha aportación extraordinaria de Berlusconi para Sicilia) está presente no fondo deste debate. A Lega Nord (agora no goberno da nación italiana) pretende acabar con ela pola vía definitiva da separación que pode satisfacer tanto aos habitantes do norte como aos propios do sur, nunha reedición do telón de fondo de Il Gattopardo. A proposta de introducción de límites (gabbie: xaulas) salariais, distintos para o norte e sud, debatida durante estes calurosos días, procura definir no terreo fiscal e laboral a necesidade de dividir o país en dúas partes ou, en todo caso, de revisar dunha vez por todas o imaxinario construido ao longo de 150 anos dun país (aparentemente) unido.

A Italia que soñou e uniu Garibaldi non parece, a dous anos do aniversario, tan firme como antes.  

Written by arume

25/08/2009 at 13:54

Publicado en Uncategorized

SANTA MARIA DELLA SCALA

leave a comment »


Fronte á fachada do Duomo de Siena o visitante apenas repara nun edificio de xanelas góticas e mattoni escurecidos polo paso do tempo. Aínda máis: aproveita a longa bancada de pedra travertina ao pe do palazzo para contemplar desde alí, descansado do tráfego turístico, a beleza do campanile coloreado de branco e negro da catedral sienesa. Pero o que ten ás súas costas o pouco atento visitante é unha das institucións capitais da Italia medieval e probablemente unha das marcas da piedade e da caridade emprendida na Europa humanística: o hospital de santa María della Scala. 

Creado para a cura de doentes ou para gettateli (espósitos), a sociedade funcionou como obra magna de beneficiencia, con privilexios suficientes para capitalizar os seus recursos e compoñer unha das institucións máis sólidas da cidade. O edificio conserva a traza hospitalaria, mellorada en épocas ulteriores par acomodalo a novas necesidades, pero tamén presenta insólitas obras de artes, descoñecidas para o público. A cripta, un tanto tétrica, onde oraba santa Caterina (de Siena, por suposto), atesoura as pedras orixinais da Fonte de Gaia, noutrora na Piazza do Campo, xunto aos deseños do dezaoito destinados á súa reforma. Os frescos, sen embargo, do corredor principal, na súa meirande parte dun fascinante Domenico di Bartolo, abraian ao visitante pola súa forza, o seu cor brillante e a súa materia histórica e dramática. Moitas das esceas que aí aparecen pintadas desenrólanse no propio hospital (un tanto idealizado), nun caso ben interesante de duplicacións de planos. Algunha delas, dun verismo moi detallista, quedan para sempre na memoria.

A escala que figura en tantos estemas das casas sienesas (e mesmo na igrexa que adorna unha das praciñas máis enxebres do enxebre Trastevere romano) non debe ser vista como unha máis das singularidades da cidade toscana. Sei ben que Siena é lugar de paso veloz entre Florencia e Roma e, por iso, de visita fugaz entre Piazza del Campo e Duomo. Se alguén para siquera unha noite (e debe facelo), faría benissimo en entrar baixo a porta que preside unha escaleira coroada por unha cruz e deixarse dominar pola luz que se filtra polas amplias salas onde padecían e moraban os enfermos daquel tempo.

Written by arume

24/08/2009 at 17:23

Publicado en Uncategorized

A STRAGE DI BOLOGNA: UNHA FENDA NA SOCIEDADE ITALIANA

with one comment

Todos os dous de agosto desde 1980 conmemora a fascinante cidade de Bologna o terrible asesinato de máis de 80 persoas (con máis de douscentos feridos) no atentado brutal na súa estación de tren. Durante estes anos, e xa desde o primeiro momento, reúnense ás 10 e 25 da mañán na praza da estación, á hora exacta en que explotou a bomba e que quedou sinalada no reloxo parado do propio edificio, miles de boloñeses, que percorren as principais rúas da cidade ata a grande praza do comune onde se pronuncian os discursos de recordo.

O loito e o rexeitamento da barbarie neofascista (o chamado terrorismo nero) protagonizaron as primeiras lembranzas. A Asociación de víctimas e os partidos de esquerda, nomeadamente o Partido Comunista, nos primeiros tempos, e logo as sucesivas herdanzas do partido hexemónico da esquerda italiana, lograron que toda Bologna se sumara á indignación polo terror daquel atentado nunha estación nun dos primeiros días de vacacións, ateigada de xente.

En todos estes anos, as investigacións sobre o terrible crime apuntaron, con condenas precisas e contundentes, a movementos neofascistas. As suspicacias propias dun país como Italia sobre a participación da mafia ou, sobre todo, dos servizos secretos (cos antecedentes de traxedias anteriores, especialmente a de Piazza Fontana en Milano, onde morreron dezasete persoas e pola que non hai aínda agora explícitos e inequívocos culpables), sumadas ao descontento dos familiares das víctimas polo transcurso envelenado do proceso, alimentaron a polémica que predomina na conmemoración dos últimos tempos. Un revisionismo, de parte fascista, interesado en deixar furados escuros na historias; unha estratexia calculada de fornecer de pistas falsas as pesquisas; maquinacións ás veces non demasiado fantásticas sobre un posible golpe de estado que podería estarse fraguando naqueles anos envelena o recordo da strage. As palabras de Cossiga, á sazón presidente de Goberno, hai apenas cinco anos sobre a participación do terrorismo palestiniano, ou a réplica que apunta a CIA ou a grupos terroristas antiárabes encenden ata o delirio e a infamia o debate.

Nos últimos anos, a lembranza institucional resulta case imposible. Os representantes do goberno, sexan de esquerda moderada ou sexan da berlusconada moderna, padecen a ira dos manifestantes. Asubíos, insultos impiden a súa alocución en palco: ningún ministro quere ir a Bologna e ameaza o goberno enteiro en non voltar máis á conmemoración en tales condicións. O alcalde de Bologna, non contestado polo de agora, atopa dificultades en rememorar en concordia esta data pegada no corazón da cidade. Pensa en mudar o protocolo, en reformar mesmo o aniversario. Se cadra porque pensa que non hai forma de regresar ao momento primixenio e fraterno do abrazo de Pertini, presidente da República, e o sindaco de Bologna ao día seguinte da barbarie. 

Pero pensan seriamente os políticos italianos de calquera signo que probablemente este controvertidísimo (e xa rutinario) (mal) recordo do 2 de agosto, un momento crítico da democracia italiana, sexa un dos paradigmas máis acaídos da división social extrema que sufre agora mesmo a sociedade italiana.

Eu, coma visitante ocasional do agosto italiano, atopo insólita a polémica, que ocupa durante varios días as portadas dos xornais. Como atopo insólitas outras polémicas que abraian a un cidadán minimamente preocupado polo elementais sentidos democráticos dun país moderno coma Italia. 

Nota: a pesar do que digo, hai táboas coas novidades editoriais cheas de libros sobre escándalos políticos, como as que aparecen na foto, inatopables eiquí.

Written by arume

22/08/2009 at 20:22

Publicado en Uncategorized

O CÍNICO MONTALBÀ

with one comment

Sae o último libro de Camilleri con Montalbano máis sobrao ca nunca. Non son eu devoto do comisario e menos do noir/giallo, pero para entreter as tardes agostanas non está mal. Se ademáis un logra comprender ese italiano semidialectal siciliano, a experiencia merece a pena: nas traduccións esa particularidade desaparece (non sei se chega a pintoresquismo) por case imposible reconstrucción sen conculcar certas realidades lingüísticas coas que xoga Camilleri.

La danza del gabbiano conta unha clasiquísima historia de desaparicións, coa indagación autosuficiente e algo distante dun Montalbà cada vez máis irónico, a medio punto (ou nada) do cinismo, eso si, sempre simpático. Pero o máis interesante desta entrega é a doble carga de cervantismo de Camilleri: por un lado, a presencia dun personaxe co nome do autor da serie, o propio Camilleri, e, sobre todo, nun episodio descarallante, a renuncia do comisario a ir a piazza de Ragusa por non atopar alí a Luca Zingaretti (a quen chama , trabucándose, Zingarelli, como o famoso diccionario de italiano) rodando para a televisión un capítulo da serie do comisario Montalbano. Cos ecos do célebre litixio cervantino con Avellaneda, o propio Montalbano declara as diferencias físicas co actor que encarna o seu papel despois de que lle lembraran que o Zingaretti é máis novo ca el: “lui è totalmente calvo mentre io ho capelli da vendere”.

En todo caso, sendo lixeiro case todo, agás esta impronta quixotesca moi acusada, o libro permite a Camilleri, que tamén remata de presentar unha colección de escritos políticos deste último inverno xunto a unha entrevista (da que falarei), a súa particular occhiata, con ese narrador que tanto se lle asemella, sobre o seu país, cunha cada vez máis clara desesperanza e amargura, suliñada, ás veces, pola nostalxia dun tempo anterior cifrado no republicanismo del dopoguerra. No seu senlleiro siciliano escribe: “Que sae ou chega en Italia no horario establecido? Os trenes levan retraso, os avións tamén, os barcos precisan deus e axuda para sairen, de correos xa nin falar, o autobús se perde entre o tráfico, as obras (opiri) públicas tardan en arrancar entre cinco ou dez anos, unha lei tarda anos en ser aprobada, os procesos se prolongan, mesmo os programas (pogrammi) televisivos comezan sempre cunha media hora de retraso sobre o previsto”.  

Seguirei lendo estas tardes a Camilleri, hoxe unha das voces máis rechamantes da intelectualidade italiana e best seller incontestable desde hai alomenos dez anos.

Foto: Basilica di San Francesco, Siena.

Written by arume

22/08/2009 at 15:39

Publicado en Uncategorized

BAIXO A LÚA DA TOSCANA

with 5 comments


Levo visitando a Toscana desde hai moito tempo. Primeiro, nunha viaxe que comprendía toda Italia, de paso, nas paradas obrigatorias en Florencia, San Gimignano e Siena. Despois, nunha estadía de vinte días hai case quince anos en Florencia, no barrio de Santa Maria della Croce, deserto durante un agosto. Anos despois, nunha pequena casa dun paesino do comune di Castiglion Fiorentino, que non debo mencionar por discreción, durante tamén case un mes, baixo o ceo estreladísimo e limpo da Valdichiana. Repetín ao ano seguinte o ángulo aretino cortonese, e probei, como dixen noutros posts deste mesmo ano, Siena en inverno por uns días e sempre que podo na máxica data do Palio. 

Agora volvo de alí coa sensación de ter disfrutado (nas mellores condicións: insuperables) da rexión máis fermosa que coñezo. Pero resulta moi difícil explicalo. Ou moi longo. Ou tamén moi inútil. Ou unha mistura de todo esto. Pero fareino durante estes días. Tentarei prescindir de afirmacións sobre a súa belleza (dada tan por suposta que ás veces unha loggia, un campanile ou unha simple pedra colocada na beira da estrada de incalculable fermosura pasan desapercibidos). De paso, falarei da Italia que coñezo (ou que me é dado coñecer, que non é moita nin suficiente), que vexo (ou que quero ver) e que trato de interpretar a duras penas. Hai material heteroxéneo, complexo, contradictorio, moito del escrito xa neses días, ao solpor, tras unha giornata sempre particolare.  
Verei de poñelo agora en limpo, en claro. Aviso que será completamente imposible.  
Nota: as fotos son do meu móbil.

Written by arume

22/08/2009 at 12:53

Publicado en Uncategorized