ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

Archive for Setembro 2nd, 2009

ITALIA EN PERIGO

with 5 comments

Imagen043

Así remata o comentario no diario La Repubblica o seu director Ezio Mauro, despois de que Berlusconi dixera do seu editor, Carlo de Benedetti, que era un editor suizo, e do seu director, o propio Mauro, que era un coñecido evasor fiscal. A reacción do xornalista e de toda a (pouca) prensa italiana que non está en mans del cavaliere menorero aumenta cada día en irritación e desacougo. Cartas de protesta, asinadas por Eco, Moretti, Fo, Benigni, Saviano, Ammaniti, Camilleri, e miles de comentarios na prensa escrita, sobre todo, amosan a indignación da clase política e social italiana. Esta que transcribo, de hoxe mesmo, se cadra, é unha das manifestacións máis elocuentes dun longo repertorio de textos críticos.

Se Dino Boffo (o director de l’Avvenire, o xornal vaticanista, a quen un diario berlusconiano atacou con indignas insinuacións sobre as súas preferencias sexuais) salva a pel, despois deste acribillamento, é porque a Igrexa se sinte ofendida polo ataque contra el e se coloca como potencia contra potencia. Pero a vindeira presa, a vindeira víctima (un maxistrado que investiga, unha testemuña que fala, un xornalista que escribe e fai preguntas), non tendo un estado estranxeiro ás súas costas, por quen será defendida? O home político que pasou á historia como o máis feroz nemigo da prensa, Richard Nixon, non usou para se defender nin unha décima parte dos medios que Berlusconi emprega contra os xornais considerados nemigos. Se queremos buscar un parangón, debemos mellor recurrir a Vladimir Putin, de quen non por casualidade o Premier é o seu máis grande amigo.

A estratexia da mentira, Ezio Mauro. La Repubblica, 2 de setembro de 2009

Written by arume

02/09/2009 at 22:52

Publicado en Uncategorized

PATIO CELESTE DE SIENA

with 4 comments

Imagen124

Sempre gustei destes aparentes contrastes. Un pequeno patio, recén pintado, cunha cor azul celeste e pálida como de rococó insultante, en contraste co apagado ocre das paredes de Siena, suxo e escurecido polo tempo e sempre presentado en toscos materiais de ladrillo e terra apenas gramada. No medio, disposto para sair, un omnipresente cinquecento, dun vermello intensísimo, como de labio recén bicado e mordido, limpo e brilante.

Desde a rúa, de pedras serenas negras, con apariencia volcánica, as cores chamaban por min.

Traspasei o limiar do patio só para gardalo nesta memoria.

Written by arume

02/09/2009 at 21:01

Publicado en Uncategorized

MUDANZAS

with 2 comments


Coa anotación número 777 vou probar unha cousa: vou pasar uns días a wordpress a ver que tal se porta. Deixo viradas as contras desta casa, por se acaso, pero advirto que me vou uns días a ESTA SEGUNDA VIVENDA. Agradezo os comentarios sobre que casa gusta máis ao hospedaxe tan amable que me visita. Deles depende a elección.

Nota: seica ao Trebi lle vai gustar a mudanza provisoria. 

Written by arume

02/09/2009 at 17:44

Publicado en Uncategorized

ESCRUTINIO NO GIUBBE ROSE

leave a comment »

Imagen111

No Giubbe Rose un pode sentar na cadeira que un día serviu para Montale ou para Marinetti e ao tempo ser un perefecto descoñecido para a cuadrilla de camisas vermellas que só atenden (con pratos de rúcula e parmigiano sobre leito de bresaola a prezos estratosféricos) aos estranxeiros na terraza. Pode un ser transparente, pousarse sobre as aspas dun ventilador algo inútil e pretender tomarse un café shakerato no seu interior. Pero se alguén comete a torpeza de sentar nunha terraza idéntica ás outras, pode perder esta estampa fantástica dun home alleo á pompa turística e entregado ao escrutinio do seu vello país, agora en mans de procuradores de muslos novos nas costas esmeraldas.

Written by arume

02/09/2009 at 14:46

Publicado en Uncategorized