ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

PSdG over troubled water

with 3 comments

Imagen117

As novas sobre a organización interna do PSdG non anuncian nada bó. A ausencia de varios dos seus máis destacados dirixentes no comité da pasada fin de semán por mor de coincidencia de datas ou por protestas intestinas (como me gusta esta palabra para según que cousas) sobre cuotas de poder permiten aventurar males moito peores. A perda, que se insinúa a teor das enquisas e das últimas votacións, da alcaldía de certas cidades importantes non sería o máis preocupante resultado que se aveciñe, senón o conseguinte declive da marca esquerda moderada en Galicia para anos. A invisiblidade dun equipo variado, capaz e competente, que poda resolver dúbidas á poboación sobre como xestionar un país é o seu máis serio hándicap, que pode resultar letal se as eleccións definitivamente non son favorables.

As cabezas eminentes do socialismo galego se atopan ao fronte de alcaldías agora mesmo. Persoas que asumen e encarnan un partido, pero que están lonxe de crear ou artellar un discurso político para o país. A medida que pasan os anos, os alcaldes socialistas imitan como poden ao seu colega agora embaixador en gobernación cesarista sobre a polis estado que cren que é a súa cidade. Difícil escoitar unha palabra a Bugallo sobre Galicia: as cousas son boas ou malas (así está a política) se benefician a Santiago, esa entidade que, por suposto, el interpreta ao seu gusto. Pouco sabemos do que opina Losada sobre feitos e fenómenos galaicos fóra de península, agás os derivados da ría de Arteixo e o polígono de Sabón, territorios propios dos estados pontificios herculinos. Sabemos que Orozco é aprezado (xa foi máis) polos habitantes da súa cidade, en gran medida, como me apuntan desde as murallas, pola súa proximidade aos problemillas domésticos, o que no fondo indica unha escasa ollada aos outeiros de rei ou ás terras chás que desde alí se poden albiscar. Do de Ourense pouco se sabe. A súa discreción para min é notoria. Tanto que ignoro se nas Burgas ten mesmo predicamento entre os seus gobernados. Do de Vigo tamén se coñecen as súas dolorosas diatribas sobre o mal que tratan a cidade, de marzo a esta parte, e as continuas excursións entre vallas e pozancas para seguir como aguerrido capataz o rumbo do plan E, que consiste, como todo o mundo advirte a cada paso, nun labor minucioso de deconstrucción a la Pierre Menard de viais e beirarrúas para chegar ao mesmo estado anterior. En calquera caso, nada se sabe (porque ademáis non interesa, salvo para lembrar agravios, agravios e máis agravios) do que pensa sobre o país. Non podo dicir grande cousa do de Ferrol, que padece semellante proxección íntima cara á ría asteleira. O localismo non é só unha praga asociable á distribución minifundista de case todas as propiedades neste país senón froito dun denodado esforzo das elites gobernantes por facer casus belli de tal ensimismamento infértil.

Eles, con todo, son os principais cadros do PSdG. Podémoslles sumar os novos alcaldes de vilas industriosas, probablemente JASP que aínda non deron o paso para tuer le père e ao que se lles poña por diante. Tamén a senadoras ou ex concellais que ocupan o lugar orgánico de novo por representación xeográfica e non por articulación de ningún discurso, para o que están sen dúbida preparadas; pero se deben ao cupo de cidades ou de lobbys internos do propio partido. Sumemos a Leiceaga e ao delegado de goberno, outrora case intelectual orgánico do PSOE; engadamos antigos asesores (con escasos folgos ou destinados a outros mesteres máis fructíferos), conselleiros/as que, tras o paso por san caetano, regresan amortizados/as ás cadeiras e abandonan o fragor político (quen sabe se unha reitoría pode ser recuncho para tales lides), profesores universitarios (e algún de instituto, colocados en Madrid, inocuos tan ao lonxe) que en tempos mellores se apuntaban á clase media tecnocrática dun partido de goberno, dirixentes sindicais (modosos, sempre con algo de mala conciencia roxa) e algunha excepción a este conxunto de sectores, e obteremos un fráxil panorama do organigrama do PSdG. En tempos de felicidade, aínda tira a máquina, sempre axudada desde Madrid por un líder máis ou menos carismático (chámese Felipe ou José Luis), e agora coa esperanza nunca tan branca que vai adquirindo día a día, probablemente sen el pretendelo, dotes de mesías. En tempos de infelicidade, e sen esta provisional abundancia de alcaldes que ademáis se cadra engana a vista, o futuro está algo ou moito máis escuro.

Vexo demasiado tente mentres cobro, probablemente porque saben que unha derrota, por pequena que sexa, nas vindeiras eleccións, supón volver a empezar, volver a reconstruír un partido que remontou desde o baleiro 1997 cando se presentaba Caballero e obtiña 13 deputados ata o máximo de Touriño, agora desaparecido, mesmo do Facebook.

Creo que non poden esperar aos resultados de 2011 e deben construír un partido aberto, de distintas ordes sociais (non só urbanitas ou profesores de universidade inconstantes no apoio) e distinta procedencia intelectual, cunha idea clara e definida do que queren para Galicia (deberían ter elaborado, por exemplo, unha proposta de reforma de estatuto ou sobre a cuestión terrirtorial, con ave e sen ave) e cunha estratexia rotunda e voraz. Non sei por que, pero estou vendo o Partido Democratico italiano (cunhas filfas de dirixentes e unha morea de probables votantes desganados e pouco dispostos) nesta esquina noroeste da península ibérica.

FOTO: Marco Aurelio, corredor dos Uffizi, Florencia.

Written by arume

07/09/2009 ás 17:55

Publicado en Uncategorized

3 Respostas

Subscribe to comments with RSS.

  1. Amigo Arume, ten vostede un fino, pero que moi fino olfato político. Debería promocionarse un pouco máis.

    A cousa, polo que me contan. aínda é máis grave do que vostede relata. Todo ten que esmorecer para a gloriosa chegada de Mr. White

    Xaime

    07/09/2009 at 19:50

  2. Dende a etapa da transición o PSOE galego (PSdeG) non tén un perfil político nada definido. Pode que algún persoeiro actúe como referente pero a liña política do partido permanece descoñecida.
    Se o comparamos co PSC, dá risa e se Pachi Vázquez pretende seguir en Galicia os pasos do PSE (xa veremos como remata o experimento) pensando que eso é o que lle convén ao país, sería para chorar.

    Lupín

    07/09/2009 at 20:17

  3. “A medida que pasan os anos, os alcaldes socialistas imitan como poden ao seu colega agora embaixador en gobernación cesarista sobre a polis estado que cren que é a súa cidade”.

    Velaí unha dos problemas do noso partido, e non o menos importante, abofé. De tanto encerraren a mirada dentro dos estreitos límites do termo municipal, os alcaldes do PSdeG-PSOE tenden a esquecer que hai por aí fóra unha cousa que se chama Galicia (ou cidadanía galega, se así o prefiren), que ten os seus propios problemas, que demanda solucións para eles, etc., etc., etc. Cando un oe falar algúns deles, chega á conclusión de que contemplan a Xunta como o goberno dun país veciño, co que cómpre levarse moi ben independentemente de quen o ocupe; mellor dito: co que cómpre levarse moi ben se quen o ocupa, sexa do partido que sexa, está disposto a atender todas as peticións que se lle fagan, por pouco razoables que poidan chegar a ser (*). En fin, non descubro nada se sinalo que o entusiasmo dalgúns alcaldes polo goberno bipartito era, como se adoita dicir, “perfectamente descritible”.

    (*) Se non o está, será anatema. ¡Tanto lles ten a eles que milite no mesmo partido!

    PCL

    07/09/2009 at 21:27


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: