ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

UN INVERNO ITALIANO

with 2 comments

Imagen179

Andrea Camilleri viu publicado en xullo de 2009 a colección de artigos publicados en L’Unità desde o 20 de novembro de 2008 ao 22 de maio de 2009, baixo a rúbrica Lo chef consiglia e baixo un particular modo drammatico de pequena proposta/pregunta de Saverio Lodato e a resposta do propio Camilleri. A fórmula resulta moi eficaz, ao tempo que moi divertida. Por momentos, un parece escoitar as voces do diálogo humanista, nas apóstrofes ao caro amico, na erudición miscelánea, na ironía familiar con que acude ás fontes populares. Todo en brevidade sustanciosa e en elegancia estilística, malia o aparentemente sinxelo discurso de Camilleri. O seu colega Lodato non é nada manco (mesmo conta cunha preparación intelectual ao meu xuízo máis completa cá do entrevistado) e leva con intelixencia observacións do natural e da esencia inventada de Italia para trasladarllas a un Camilleri de voz enérxica, plena de humor e fértil escepticismo, que repasa a actualidade italiana moi lonxe do panfleto ou da soflama e próximo á sátira da vella tradición latina, de perspicaz retruque e enxeñoso xuízo. Moitos dos temas tratados (Berlusconi por riba de todas as cousas, pero tamén inmigración, diferencias norte-sur, criminalidade e seguridade, conflicto de intereses, liberdade de prensa, corrupción e mafia, rondas e fascismo, entre moitos outros), son difíciles de comprender fóra das circunstancias actuais da Italia hodierna, aínda que procuran sempre atender a universais éticos. Pero moitos outros constitúen por si mesmos alfaias de aguda reflexión moral e política, á marxe de ocasións ou conxunturas. Traduzo un deles, coas fallas que o meu italiano depara, para que se poda comprender a magnitude do labor xornalístico como comentarista de Camilleri. 

O ACEITE DE RICINO? MOITOS XORNALISTAS O TOMAN ELES MESMOS

[Lodato] Leo na Wikipedia, na voz “aceite de ricino”. “Durante a dictadura fascista o aceite de ricino foi un dos instrumentos de tortura empregados polas Camisas Negras […] Os disidentes e os opositores presos eran obrigados a inxerir grandes cantidades, provocando graves sufrimentos gastroenteríticos, diarreas e deshidratación que podían conducir ás víctimas á morte. O medio de tortura foi ideado por Gabriele D’Annunzio, durante a ocupación de Fiume [Rijeka, no ano 1919]. Ve vostede a Gasparri co funil na man meténdolle o aceite de ricino na gorxa aos xornalistas non aliñados? Sinte no ar o cheiro a aceite de ricino?

[Camilleri] O aceite de ricino era un purgante en uso alomenos desde os anos trinta e creo que foi purgante oficial durante a guerra de 1915-1918. De cativo miña nai deume pequenas doses, que despois foron de calomelano, dunha especie de chocolatina moi amarga, tamén chamada “o bello negro” (“il bel nero”). O sabor do aceite de ricino era abominable, case tanto como o do aceite de fígado de bacallau. O ricino tiña efectos inmediatos e explosivos. Por vostede sei que o primeiro en facer del uso, digamos, impropio foi porque “>D’Annunzio en Fiume. Pode ser, porque D’Annunzio combatera na Grande Guerra. Lembre que ao fascismo o Vate Nacional lle fixo outro regalo, aquel incomprensible “eja, eja, alalà”, que constituía o saúdo ao Duce. Os escuadristas [fascistas] usaban o aceite de ricino contra adversarios aillados e inermes, en xeral de idade avanzada, para escarnialos e humillalos: espléndido exemplo de absoluta bellaquería. Vostede me pregunta se eu vexo a Maurizio Gasparri con un funil nunha man e o botellón de aceite de ricino na outra. Respóstolle que non o vexo, porque non o necesita. Son moitísimos os xornalistas que toman o aceite de ricino pola súa espontánea vontade! Para os poucos disidentes, non merece a pena gastalo. 

6 de marzo de 2009

Camilleri, Andrea/ Lodato, Saverio, Un inverno italiano. Cronache con rabbia 2008-2009, Milano, Chiarelettere, 2009 (de Xullo a primeira edición)

Written by arume

08/09/2009 ás 23:28

Publicado en Uncategorized

2 Respostas

Subscribe to comments with RSS.

  1. Amigo Arume, quizais se lembredisto

    Lupín

    09/09/2009 at 00:41

  2. Amarcord, claro que amarcord. A miña película favorita. Aínda a vin o outro día e pasmei de novo.

    arume

    09/09/2009 at 10:16


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: