ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

Archive for Setembro 9th, 2009

AS TORRETAS EBÚRNEAS

with one comment

teatro_148

Recibo por correo electrónico con certa frecuencia noticias relativas aos estudios literarios (do século XVI e XVII español, que eles prefiren chamar de Ouro, con maiúsculas) no amplo mundo, en particular e de forma sistemática procedentes dos departamentos americanos, que eles prefiren xa chamar con algo de pompa Academia, tamén con maiúsculas. Son as chamadas listas de discusión, que, ademáis de servir de canal difusor de eventos miles, promoven debates sobre cuestións precisas do tamén amplísimo marco de tales estudios. Nin que dicir ten que os chamados Estudios Culturais e o seu impacto nos curricula universitarios americanos constitúen o seu principal tema de discusión, cunha notoria tendencia ao vituperio e á crítica feroz: a constante perda de influencia (e, por suposto, de profesorado e de materias nos programas de titulacións) dos estudios históricos e nomeadamente dos de literatura española peninsular de antes do século XIX fai que os seus xuízos en moitas ocasións aparezan tinguidos de apocalípticos (ao que non é nada allea a súa formación cristiá) receos e temores.

Non era disto do que quería falar (outro día), senón dunha sorprendente discusión xurdida hai apenas unha semán a partir da nova que un deles difunde sobre a lista de libros que piden os presos de Guantánamo. Ao parecer Harry Potter ocupa o primeiro lugar e o Quijote o segundo. Non lembro o terceiro, pero o caso é que, tras esa noticia, a sucesión de comentarios sobre ese particular deixan de lado a cuestión do encarcelamento e glosan cunha frivolidade digna doutras causas o gusto dos presos da badía cubana. Daí pasan a preguntarse qué libro levarían a unha illa deserta (como se Guantánamo equivalese a tal tópica suposición) e despois, co Quijote coma excusa, a proporcionar erudición abundante (a meirande parte, por suposto, completamente prescindible) sobre a relación entre lectura e prisión, sempre con Cervantes, ese totem. Que a Biblia (antigo e novo testamento, precisa alguén) sexa o libro preferido por moitos deles para ler baixo a palmeira de cocos, non é o máis rechamante do asunto, senón a distancia que estes/as investigadores/as da cultura (hispánica, pero con ínfulas universais) presentan sobre a política do seu país.

Estiven deixando pasar os días por se alguén lles fai cair na conta de que collen magníficamente o “rábano por las hojas”, pero vexo que o proceso de alienación resulta inesgotable e que os presos de Guantánamo non deben de ser para eles máis ca un molesto alibi para falar do que sempre están a falar e constitúe as súas propias vidas: a sen dúbida engaiolante literatura dos séculos de XVI e XVII (de Ouro, para eles), verdadeiro sustento non só económico senón moral e ata relixioso da súa existencia como intelixentísimas torretas ebúrneas.

Written by arume

09/09/2009 at 20:54

Publicado en Uncategorized