ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

Archive for Setembro 11th, 2009

ONCE (UPON A TIME) DE SETEMBRO

leave a comment »

Imagen214

Hoxe, aparte da Diada, que me trae recordos de adolescencia cando decidín conquistar o corazón dunha moza que recén viña de Barcelona e levaba unha senyera bordada no antebrazo do seu pullover, é o día de lembranza de Salvador Allende e do derrube das torres xemeas de Nova Iork.

Do primeiro sempre me veñen imaxes dunha tarde na rúa Hermosilla en Madrid, esperando por miña nai que entrara no economato e lendo desde a parte de atrás do coche o xornal PUEBLO que extendía o meu pai sobre o volante. Teño agora mesmo diante con precisión as fotos e ata os titulares daquel día (máis ben do seguinte), pero, sobre todo, a insólita explicación do meu pai da palabra golpe de estado, de Chile, da CIA, de Pinochet, de socialismo, de Salvador Allende. Insólita porque debeu de entender que eu xa podía comprender aquelas fonduras ou que debía estar xa preparado para meterme nelas. Polo que despois pasou, teño que agradecer ao meu pai que o fixera naquel instante, que agora interpreto como o primeiro momento en que comezou a interesarme de forma entusiasta a política. Allende sempre foi asociado a esa especie de iniciación e, como desgraciadamente, a ese crime lle sucederon tantos outros no chamado cono sur americano, todos aqueles anos constituiron para min unha materia de aprendizaxe política de primeiro orde. Aparte das músicas andinas que se fixeron moda durante aqueles anos, os contactos, anos despois en Compostela, con persoas que viñan dalí, exiliadas, aínda coa nostalxia e a dor daquela infamia, moitas delas establecidas xunta nós, fixeron que nunca esquecera, por mellor que lles fosen as cousas, aquel drama inmenso, cuxas bágoas puidemos nalgún tempo ver moi de perto. Os once de setembro sempre me acordo deles, Gustavo, Claudio, onde esteades.

O segundo evento, tan próximo, cobra coa lembranza un novo e doloroso trance. Fun, fomos, a Nova Iork no ano 1990. Vivimos en Riverside Drive, nun pequeno apartamento que daba para o río, nun bed and breakfast dunha muller de orixe holandés, cuxo apelido esquecín, que traballaba a tempo parcial de acomodadora no Radio City Hall. Era agosto e unha abafante calor, que culminaba case todas as noites cunha fantástica tormenta que iluminaba a cidade, foi incapaz de deter os nosos pasos inquedos polas rúas neoiorquinas. Baixabamos todos os días por Broadway rumbo á parte sur da cidade, coa ollada posta moitas veces nas torres xemeas que nos servían sempre de telón de fondo. Nunca subín a elas. Intenteino un día, xa decidido tras vencer o vértigo que me atenaza. Pero un apagón que afectou a toda a parte sur de Manhattan impediume subir, co alborozo do meu espíritu atemorizado. Aínda recordo as imaxes dos yuppies (daquela así chamados) andando pola ponte de Brooklyn para tomaren o metro na primeira estación do outro lado do río.

Amei aquela cidade para sempre. Fun feliz alí dunha forma esaxerada. Agora que escribo aínda sinto a emoción de pertencer a aquelas rúas, a aquel paisaxe. Hai máis de catro anos volvín, a finais do inverno e comezos da primavera de 2005. Fomos xa todos nunha estadía de mes e medio na rúa 72 esquina Broadway nun apartamento que agora xa non existe. A impresión da primeira visita incrementouse co desexo de quedar alí a vivir por máis tempo do que estiveramos. Fomos felices dunha forma única e cada intre daquel tempo funciona como estímulo para o presente. Vexo agora, por exemplo, para non extenderme na melancolía de rememorar aqueles días de felicidade plena, Central Park desde o taxi que nos levaba ao aeroporto, inzado de flores brancas, co ceo azul intenso e o perfil brilante ao lonxe dos rañaceos. Non sei se irei este ano: devezo por ir canto antes, canto máis tempo mellor. 

Por só iso, cando chega este día e lembro as torres xemeas cairen, sinto unha mágoa enorme, unha tristeza longa que só a esperanza ou a simple promesa (case autoengano) de voltar axiña pode paliar mentres tanto.

Written by arume

11/09/2009 at 16:34

Publicado en Uncategorized