ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

Archive for Setembro 13th, 2009

O MESÓN (AS PONTES)

with one comment

Imagen012

Se alguén algunha vez ten a oportunidade de se acercar á vila de As Pontes (unha das poucas que coñezo cunha porcentaxe de galegofalantes próxima ao 100%) e quere comer, porque lle entran gañas ou porque quere probar a comida da zona, debería deixarse caír polo Mesón (O’ Mesón para os máis vellos e, sobre todo, para a familia próxima) Ana, no barrio de Tras da Ponte (pódese escribir xunto: Trasdaponte, como Trastévere), rúa Real 35. Tamén pode elixir o Xantar, Casa Teresa ou mesmo o Bar Taybe, na mesma Avenida de Galicia, pero o Mesón Ana ofrece un plus de profundidade nos raigames culinarios da bisbarra. Un churrasco que arrecende río Eume abaixo e, polo que sei, aínda afumega ás propias troitas (agora xa non, que o río vai mesto e porco, case morto por onda a ponte). Un cordeiro asado, que veñen buscar cunhas olas de metro de diámetro para dar de comer aldeas enteiras uns tipos que con dificultade levan o material por mor dos bandullos adquiridos con tantos anos de visitas a dona Ana. Uns chuletóns da boísima carne de terneira que por alí se estila, fritidos co descaro do que sabe que calquera lume pode elevar á categoría de capolavoro a presencia da carne nun prato, acompañado dunhas patacas da Mourela que están a pedir denominación de orixe antes de gañar o primeiro premio mundial de pataquerío. Contundentes pratos (sempre se pode optar por un clásico ovos fritidos con patacas) que, para os máis enxebres (entre os que eu non me atopo), poden ir anticipados cos sorbos indecorosos dun caldo galego de unto canónico e grelos da ribeira do Chamoselo. Flans, arroz con leite e doces de semellante consistencia adornan a pitanza, interminable ou imposible de rematar.  

Se vén en festas, non deixe de dirixirse ao banco de enfrente: saúde e será convidado ao que se tercie.

A foto é da feira medieval do ano pasado. RR, por certo, non veu este ano. Razón poderosa e gozosa impediulle estar con nós. Botámolo de menos, pero así xa nos debe unha.

Written by arume

13/09/2009 at 22:54

Publicado en Uncategorized