ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

Archive for Setembro 15th, 2009

O MEU BLOGOMILLO, A. F. (AFTER FACEBOOK)

with 14 comments

pacheco_05

Varios, non moitos e cada vez menos, son os blogs en galego de referencia en Galicia. Ou polo menos que eu considero de referencia, capaces de artellar un discurso coherente, ben trabado, argumentado e, ao tempo, distinguido e crítico. Hai outro concepto de referencia, a que proporciona a condición do autor, suxeito político coñecido ou intelectual ao que a tribu, a fama ou o éxito concreto lle conceden creto momentáneo para tal presunción. Este concepto me interesa menos (entre outras cousas porque son persoas que posúen outros canles de difusión moito máis amplos e multiplicadores e que non precisan dos blogs máis que para parecer a la page -ou a la web, para ser máis estrictos- ou para non perder ese aura de compromiso full time coa vida social).

Estes que poño a continuación son os que (excluídos os familiares) eu leo con frecuencia, que sigo máis a miudo e que considero fundamentais no desenrolo do blogomillo nestes días. Se esquezo algún é porque teñen outras virtudes que eu non atopo tan interesantes, como supoño que lles pasará aos outros co meu.

  • Dpaso, de Manuel M. Barreiro. Escribe excelentes artigos políticos, de gran finura intelectual. Destaca polo seu estilo cuidado, cheo de ironía e erudición nada acartonada; seica ten traballo seguido para outros formatos, pero aproveito a ocasión para pedirlle máis, se se pode pedir a estas alturas.
  • Calidonia, de Carlos Neira. Resultan admirables as súas análises minuciosísimas, derivadas dun entusiasmo evidente polo seu traballo crítico; tamén lle pediría eu máis presencia, máis frecuencia; tennos algo abandonados.
  • Brétemas, de Manuel Bragado. Serve de extraordinario polo de atracción de diversas sensibilidades culturais e políticas; algúns dos temas que trata convírtense en pouco tempo en centrais no debate público; tamén boto en falta máis textos: o feisbu entreténnos demasiado. Seino: eu padezo semellante zuna. 
  • As uvas na solaina, de Marcos Valcárcel. Aínda que resentido pola forzosa ausencia do seu autor, segue a manter, polo número de visitas que presenta, unha capacidade de discusión notable; hai que lamentar que as leas dialécticas non sexan tan constantes nin tan intensas como noutrora, pero convén animalas como os amigos de Marcos suxiren en posts recentes. 
  • Croques, de Perfecto Conde. Sobrancea pola voz hipercrítica do seu autor, nada proclive aos silencios cómplices (que corresponde ao que entendo eu debe ser un blog) e polas voces, ás veces intemperantes pero sempre necesarias, que concorren alí en forma de polémicas tan encendidas coma entretidas. Marcha moito de viaxe (envexable) e nos deixa orfos durante demasiado tempo.
  • Fragmentos da galaxia, de Juan L. Blanco Valdés. Aínda que nos últimos tempos en computapingas (seica ama os neoloxismos), as vivas reflexións de don Juan, acompañadas de xeniais facecias narradas de forma única, son obrigatorias. Sobre todo, porque non anda con correccións políticas que outros cultivan para compracer ou adormecer incautos. Hai que lelo. Ou era roelo? 
  • Anabande, de Ana Bande. Aprecio moitísimo nela o seu espíritu (feminista) combativo e militante, sempre disposto a recomendar lecturas interesantes que permiten, sobre todo, a disensión e o debate; a súa constancia tamén se agradece, aínda que debería sacar do armario, onde seica garda decenas de posts, esas palabras que non merecen purgar silencio. 
  • Nubosidade variabel, de Anxos G. Fonte. Unha sensibilidade poética radical ao servizo da liberdade; eu creo que debería prodigarse (seino, seino) con maior constancia: cando lle dá por facer varios seguidos, entón convírtese en marabilla.
  • Alicia crece, de Rubén Ruibal. Presentado de forma moi apropiada como desafogos de RR, este blog parte coa desvantaxe da inconstancia (porque se ten que desafogarse todos os días, mimá). Pero cando sae, irrumpe de forma xenial e xustifica por si mesmo o propio blogomillo. Non hai que lle pedir máis porque así debe ser, para devoción nosa.
  • As túas balas, de Xabier Cid. As súas narracións, contadas cunha prosa afiada, ou as últimas reflexións políticas, sobre os resultados da enquisa escolar, nunca deixan indiferentes. O número de participantes no seu foro fala moi ben do atractivas que resultan as súas propostas polémicas. Sei da súa vida polo feisbu, pero prefiro algo máis as súas balas.
  • Alfaias, de Marcos Calveiro. Ultimamente incendiarias, breves e contundentes. Antes procuraba escribir algo máis. Faise necesario que volva con forza de novo ao bloguerío. Seguro que o traballo novelístico non o deixa en paz, pero os siareiros da blogoleira esiximos máis negro sobre branco.
  • Capítulo 0, de Manuel Gago. Non hai nada que dicir: o blog perfecto. Pero se me apuran, a min me gustaría un pouco máis de lixeira reflexión política, máis alá da polis do labor xornalístico irreprochable no seu caso. Por pedir que non quede.
  • Lándoas, de Lándoas. Deixo para o final o que hoxe cumpre anos e que para min é o primeiro de todos eles. Por contidos, exposición, argumentación, estilo, modos, eus. O seu autor, un ente que responde a proteicas voces e que se constrúe nas e coas palabras do propio blog, constitúe hoxe un auténtico luxo para a cultura galega. Está mal que eu o diga por razón de amizade fondísima con persoas que teñen que ver con el, pero a admiración ten camiños distintos ao do afecto e neste caso a que sinto por Lándoas é a mesma que moi probablemente sinten os que se acercan cada día por aquela terra de hospitalidade e intelixencia extraordinarias.  

Sirva esta relación para agradecerlles o labor prestado ata o de agora e para darlles o pulo necesario para que non me (nos) abandonen e para que non deixen de escribir nestes tempos de efímera e fugaz recepción de feisbus.

Written by arume

15/09/2009 at 17:34

Publicado en Uncategorized