ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

O MEU BLOGOMILLO, A. F. (AFTER FACEBOOK)

with 14 comments

pacheco_05

Varios, non moitos e cada vez menos, son os blogs en galego de referencia en Galicia. Ou polo menos que eu considero de referencia, capaces de artellar un discurso coherente, ben trabado, argumentado e, ao tempo, distinguido e crítico. Hai outro concepto de referencia, a que proporciona a condición do autor, suxeito político coñecido ou intelectual ao que a tribu, a fama ou o éxito concreto lle conceden creto momentáneo para tal presunción. Este concepto me interesa menos (entre outras cousas porque son persoas que posúen outros canles de difusión moito máis amplos e multiplicadores e que non precisan dos blogs máis que para parecer a la page -ou a la web, para ser máis estrictos- ou para non perder ese aura de compromiso full time coa vida social).

Estes que poño a continuación son os que (excluídos os familiares) eu leo con frecuencia, que sigo máis a miudo e que considero fundamentais no desenrolo do blogomillo nestes días. Se esquezo algún é porque teñen outras virtudes que eu non atopo tan interesantes, como supoño que lles pasará aos outros co meu.

  • Dpaso, de Manuel M. Barreiro. Escribe excelentes artigos políticos, de gran finura intelectual. Destaca polo seu estilo cuidado, cheo de ironía e erudición nada acartonada; seica ten traballo seguido para outros formatos, pero aproveito a ocasión para pedirlle máis, se se pode pedir a estas alturas.
  • Calidonia, de Carlos Neira. Resultan admirables as súas análises minuciosísimas, derivadas dun entusiasmo evidente polo seu traballo crítico; tamén lle pediría eu máis presencia, máis frecuencia; tennos algo abandonados.
  • Brétemas, de Manuel Bragado. Serve de extraordinario polo de atracción de diversas sensibilidades culturais e políticas; algúns dos temas que trata convírtense en pouco tempo en centrais no debate público; tamén boto en falta máis textos: o feisbu entreténnos demasiado. Seino: eu padezo semellante zuna. 
  • As uvas na solaina, de Marcos Valcárcel. Aínda que resentido pola forzosa ausencia do seu autor, segue a manter, polo número de visitas que presenta, unha capacidade de discusión notable; hai que lamentar que as leas dialécticas non sexan tan constantes nin tan intensas como noutrora, pero convén animalas como os amigos de Marcos suxiren en posts recentes. 
  • Croques, de Perfecto Conde. Sobrancea pola voz hipercrítica do seu autor, nada proclive aos silencios cómplices (que corresponde ao que entendo eu debe ser un blog) e polas voces, ás veces intemperantes pero sempre necesarias, que concorren alí en forma de polémicas tan encendidas coma entretidas. Marcha moito de viaxe (envexable) e nos deixa orfos durante demasiado tempo.
  • Fragmentos da galaxia, de Juan L. Blanco Valdés. Aínda que nos últimos tempos en computapingas (seica ama os neoloxismos), as vivas reflexións de don Juan, acompañadas de xeniais facecias narradas de forma única, son obrigatorias. Sobre todo, porque non anda con correccións políticas que outros cultivan para compracer ou adormecer incautos. Hai que lelo. Ou era roelo? 
  • Anabande, de Ana Bande. Aprecio moitísimo nela o seu espíritu (feminista) combativo e militante, sempre disposto a recomendar lecturas interesantes que permiten, sobre todo, a disensión e o debate; a súa constancia tamén se agradece, aínda que debería sacar do armario, onde seica garda decenas de posts, esas palabras que non merecen purgar silencio. 
  • Nubosidade variabel, de Anxos G. Fonte. Unha sensibilidade poética radical ao servizo da liberdade; eu creo que debería prodigarse (seino, seino) con maior constancia: cando lle dá por facer varios seguidos, entón convírtese en marabilla.
  • Alicia crece, de Rubén Ruibal. Presentado de forma moi apropiada como desafogos de RR, este blog parte coa desvantaxe da inconstancia (porque se ten que desafogarse todos os días, mimá). Pero cando sae, irrumpe de forma xenial e xustifica por si mesmo o propio blogomillo. Non hai que lle pedir máis porque así debe ser, para devoción nosa.
  • As túas balas, de Xabier Cid. As súas narracións, contadas cunha prosa afiada, ou as últimas reflexións políticas, sobre os resultados da enquisa escolar, nunca deixan indiferentes. O número de participantes no seu foro fala moi ben do atractivas que resultan as súas propostas polémicas. Sei da súa vida polo feisbu, pero prefiro algo máis as súas balas.
  • Alfaias, de Marcos Calveiro. Ultimamente incendiarias, breves e contundentes. Antes procuraba escribir algo máis. Faise necesario que volva con forza de novo ao bloguerío. Seguro que o traballo novelístico non o deixa en paz, pero os siareiros da blogoleira esiximos máis negro sobre branco.
  • Capítulo 0, de Manuel Gago. Non hai nada que dicir: o blog perfecto. Pero se me apuran, a min me gustaría un pouco máis de lixeira reflexión política, máis alá da polis do labor xornalístico irreprochable no seu caso. Por pedir que non quede.
  • Lándoas, de Lándoas. Deixo para o final o que hoxe cumpre anos e que para min é o primeiro de todos eles. Por contidos, exposición, argumentación, estilo, modos, eus. O seu autor, un ente que responde a proteicas voces e que se constrúe nas e coas palabras do propio blog, constitúe hoxe un auténtico luxo para a cultura galega. Está mal que eu o diga por razón de amizade fondísima con persoas que teñen que ver con el, pero a admiración ten camiños distintos ao do afecto e neste caso a que sinto por Lándoas é a mesma que moi probablemente sinten os que se acercan cada día por aquela terra de hospitalidade e intelixencia extraordinarias.  

Sirva esta relación para agradecerlles o labor prestado ata o de agora e para darlles o pulo necesario para que non me (nos) abandonen e para que non deixen de escribir nestes tempos de efímera e fugaz recepción de feisbus.

Written by arume

15/09/2009 ás 17:34

Publicado en Uncategorized

14 Respostas

Subscribe to comments with RSS.

  1. Moi honrada de aparecer nun canon tan esixente. A partir de agora vou enfiar os post coma chourizos.

    suroeste

    15/09/2009 at 17:49

    • Chourizos, si, mais de Ponferrada. Prego.

      arume

      15/09/2009 at 18:22

  2. Grazas Arume, por estas cousas é que se sigue nesta lideira dos blós, a mina esta súa referencia xa me da folgos para medio ano mais…alavouuuuuuuuuuuuuuuu!!!!! ¡bicazo wapo!

    Ana Bande

    15/09/2009 at 17:58

    • Será dado, supoño. Porque virtual si, pero o biquiño polo que vale.

      arume

      15/09/2009 at 18:23

  3. M’illumino
    D’immenso.

    Pero falando de alegría, falta sen dúbida arriba, ben arriba e sempre arriba o grande Arume dos Piñeiros. Grazas, amigo, por falares coa luz.

    lándoas

    15/09/2009 at 19:12

  4. ¿E logho que ten contra do ferrobús, do que tanto arrepía?

    preghuntón

    15/09/2009 at 19:20

    • Eu nada, son un feisbuqueiro total, pero entendo que nel ou estás prendido/prendado ou perdes todo. Unha entrada, un que estás pensando, un compartir pasa en media hora da páxina principal, do muro principal do feisbu. Media hora, pois, é o tempo que tes para que che poidan ler. E varias horas para atopar o que che interesa. O que pode levar á nada máis absoluta. Entreter, entretén, hai que recoñecelo, pero para deterse a mirar algo non está feito. É como viaxar: ou lentamente, parando nos lugares, ou rápido sen paradas. Un non descarta ao outro, pero é diferente.

      arume

      15/09/2009 at 19:37

  5. Grazas Pater Arume pola bendición e canonización.Concordo tamén na súa opinión sobre o resto dos canonizados, son dos meus impresindibles, incluido vostede.
    Leva razón en que ando un chisco desganado, escribo moito ultimamente, 3 novelas van xa, mais prometo poñerme ao día. Sucede tamén que moitas veces co post xa para publicar leo a Croques ou Bretemas ou Landoas e vexo que o dixeron antes, máis alto e mellor ca min, así que collo e arquivo como borrador.

    Folerpa

    15/09/2009 at 19:50

  6. Por certo, ainda non teño feisbuk

    Folerpa

    15/09/2009 at 19:51

  7. Sen falsa humildade considére(n)me fóra de tan noble elenco, pois hai meses que o ánimo impide escribir nada propio.

    Fago miña a parolada de Lándoas tras un ano e un día: prefiro ler a escribir neste momento, e ultimamente tamén a comentar. Há momentos en que o silencio tamén é un discurso necesario.

    Gustaría de ler aos restantes ’13 do Océano’ todos xuntos. Quizá nunha desas vellas publicacións en papel que para a súa desgraza optaron por outras plumas, teclados e altofalantes.

    Obrigadiño pola mención, todavía. Cumprimentos.

    Calidonia Hibernia

    15/09/2009 at 20:43

  8. Cada vez é máis difícil entrar nos blogues por culpa do feisi. Sobre os discursos coherentes, eu agradezo tamén ós non aliñados, os das persoas comúns que aínda tendo ideoloxía non están politizados desde unha visión única. Estes que citas son moi bos, pero eu cheguei a pensar que hai persoas que escriben varios blogs e difunden de xeito moi raiante ideas que benefician a certos partidos políticos.

    Maía López

    15/09/2009 at 22:54

  9. Moitas grazas polas palabras e a honrosa compaña. Imos seguir intentándoo, se sobrevivo á semana de adaptación escolar do meu cativo.

    Manuel M. Barreiro

    16/09/2009 at 00:43

  10. Amigo Arume: Que ollo! Sabe que coincidimos nun 90% nas nosas preferencias? E iso que non conto o “Arume dos Piñeiros”, que entón xa nos achegabamos ao 95%!

    Un lector

    16/09/2009 at 11:09

  11. Chachi, Calidonia. Os demais, igual có resto, igual podiades escribir un libro. Tería a mesma “dimensión colectiva de enunciación”.

    qué malos son nuestros poetas

    18/09/2009 at 23:09


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: