ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

EL PAÍS E ZAPATERO: PENDIENTES E EMBROLLOS

with 5 comments

DUQUE DE PASTRANA

O editorial de EL PAÍS de onte En la pendiente supón un ataque directo ao presidente Zapatero, inusual vindo de onde vén, pero inevitable despois de varios días de acoso ao goberno por parte do grupo PRISA (outros editoriais anteriores, cada vez máis críticos, o artigo de Cebrián sobre desatinos, un suplemento de negocios cun Zapatero apenecado ao temón dun país). A ninguén lle parece allea a actitude de EL PAÍS (co grupo PRISA detrás) ás medidas adoptadas por Zapatero en materia de medios de comunicación, perxudiciais, ao entender dos directivos da empresa editorial, para os seus intereses. Que esta é a razón primeira e última da escalada contra Zapatero parece evidente se se le o editorial en relación coa política do goberno dos últimos tempos. O tipo de crítica do texto da editorial apunta a feitos que ben puideron ser motivo de censura moito antes, cando Zapatero recibía, coa disimulada advertencia de todo xornal afín, parabéns pola súa política xeral.

A primeira crítica que se lle fai a Zapatero son “los modos presidencialistas exhibidos en el nombramiento del Ejecutivo y en la toma de decisiones”. Censurar que un presidente dun goberno de España ten modos presidencialistas cunha constitución que admite e mesmo parece esixir formas de exercer o goberno de carácter presidencialista, son formas subtiles pero efectivas de alertar sobre o carácter autoritario do presidente. 

Abraia nun segundo termo a preocupación de EL PAÍS polas posibles contradiccións “en asuntos particularmente sensibles para la izquierda y que el propio Ejecutivo había enarbolado para colocar a la oposición entre la espada y la pared. Entre otros, la memoria histórica, las relaciones entre la Iglesia y el Estado o la política exterior basada en principios éticos.” Abraia porque nesa materia EL PAÍS empregou sempre un teor moderado, de consenso, que é case a marca editorial da casa desde sempre. Notóuselle sempre unha lixeira inclinación esquerdista, pero nunca deixou de sinalar a necesidade de chegar a acordos co centrodereita sobre temas especialmente polémicos. A que vén agora lembrarlle ao goberno que non é suficientemente ousado en materia progresista? Está advertindo ao goberno diso ou está alertando aos votantes de esquerda (moitas veces molestísimos coa postura morna do propio xornal) do que ocorre co falso Zapatero progre, agora cuase bambi en asuntos sensibles para a esquerda? E, por certo, cal é a política exterior basada en principios éticos? A que se refire EL PAÍS con intención encuberta? Venezuela, Bolivia, Italia?

A terceira cuestión resulta difícil de tragar a estas alturas. Que a ascendencia sobre o partido de Zapatero se basa “en prometer (y lograr) victorias electorales a cambio de que se acaten sus criterios cambiantes en función de cada coyuntura” é unha observación, que, como mínimo, vale xa para as primeiras eleccións, á marxe de que a redacción da oración podería ser impugnada por un modesto estudante de segundo de bacharelato. Non discuto agora mesmo sobre a percepción que poida ter o editorialista sobre a suposta falta de idoneidade de Zapatero para gobernar, pero esa idoneidade debeu poñerse en dúbida desde o primeiro momento: a hemeroteca de EL PaíS, non obstante, ofrece eminentes probas de que non foi así ata hai pouco.

O curioso é que o editorial fai fincapé nesta forma de liderazgo como “una de las principales causas del malestar que empieza a cundir en las filas socialistas; un malestar multiplicado por el hecho de que la actual dirección ha desmantelado los espacios orgánicos en los que debía desarrollarse el debate interno”. Que Zapatero apareza agora como un autócrata implacable tampouco merece dubidarse. Tamén houbo desde o principio quen suliñou a súa ignorancia (sempre desde a soberbia altura intelectual do que pronunciaba o veredicto), a súa torpeza (sempre co parangón dun Felipe González imbatible) ou a súa sorte e don da oportunidade, misturada con algo de escalpelo fiorentino para os rivais, que parecen estar no cerne desta nova crítica. Dou creto a todas estas observacións, malia telas por interesadas e malevolentes, pero non é defecto moderno de Zapatero, senón, por todos os indicios, marca da casa do presidente leonés. A que vén, de novo, quitalas agora como novidade extraordinaria?

Que tres ministros sairan estes días do parlamento é a proba concluinte para o xornal madrileño do autoritarismo zapatérico; a pesar de que, sen embargo, todos eles xa estaban máis fóra que dentro e á marxe de que algún deles fose afeado polo propio xornal en repetidas circunstancias: lémbrese que o de Cultura recibiu algún agarimo nalgún momento de EL PAÍS, cando decidiu mudar algúns dos seus cargos intermedios, se cadra amigos de alguén do xornal, e que o propio Solbes recibiu tamén algún recado, ao meu xuízo merecido, polas súas laretadas en voz alta sobre o mal (a faciana que ás veces exhibía pedía a berros que o largaran) que se sentía no goberno. Todos son, creo eu, maiores para falar libremente do que lles veña en gana sen ter que apelar a unha terrible opresión presidencial. Esa apoloxía postrera dos retirados aos cuarteis de inverno ou ao ostracismo de pontes euxinos exquisitos vén demasiado a deshora.

Tamén EL PAÍS observa que Zapatero ten o costume de zapar (non sei se é xogo audaz do editorialista) aos seus ministros e pon o exemplo de Solbes para comprobalo. Pero erra no intre elixido, porque as molestias e ardores do ministro de Economía no seo de goberno datan de antes mesmo das eleccións xerais, cando andaba dubidando, Pizarro mediante, se seguir ou marchar para a casa. Daquela, mesmo EL PAÍS mirou criticamente aquelas frivolidades de Solbes: agora son consecuencia, no entanto, do carácter autoritario e metomentodo do presidente. Se non se dixo esto antes, por que foi? E por que se di agora?

As consideracións de EL PAÍS sobre as veleidades de Zapatero na composición orgánica dos seus ministerios, coa distribución errática, segundo EL PAÍS, de competencias, pon ás claras a serodia revelación do xornal, xa que tales probas da imprevisión ou contorsionismo zapateril son de sempre ou polo menos datan da última elección (o comentario sobre deportes que xa suscitou coña hai tempo volve a saír agora como mostra inequívoca da deriva zapaterista) e non son de última hora. A que vén quitalas agora mesmo? O último párrafo, en troques, no que se advirte dunha confusión na maneira de gobernar, é se cadra o que máis se axusta a unha crítica actual. Aquí EL PAÍS, ao meu xuízo, responde á sensación que poden proporcionar as últimas ideas ou ocorrencias do goberno, ás veces moi teimoso en saír á prensa para dar conta do que fai sen que haxa por detrás un periodo de reflexión e de traballo elaborado. A impresión de improvisación non pode ser motivo de discusión cando tanta xente interpreta así as fluctuacións do seu goberno, pero si que se sumen a este novo panorama singularidades da forma de gobernar de Zapatero que noutrora valían (máis) aplauso.

Non sei se Zapatero obedece ao esquema político dos conselleiros delegados de EL PAÍS. Eu creo que nunca miraron con bos ollos a un novo líder da esquerda co que tiñan pouco contacto. Non sei se é cuestión xeracional: pode ser. Ignoro o nome do editorialista, pero de Pradera (non pode ser: non escribe tan mal), Estefanía, Cebrián, Ceberio, do propio director actual ten que saír. Salvo este último, todos os demáis frisan os sesenta e no caso de Pradera os setenta, con todo o bagaxe da transición e o lugar hexemónico polo xornal ocupado durante eses anos, agora máis discutido. Esto pode explicar a deriva de EL PAÍS: se cadra outras moitas cousas (caída en picado das vendas, a pesar dos agasallos), pero o ataque a Zapatero (probablemente merecido: iso non o discuto) parece máis enfado momentáneo e algo infantil de EL PAÍS ca resultado reflexivo sobre as últimas decisións do goberno. O editorial de hoxe, El embrollo fiscal, en forma de lección simplicísima sobre a política fiscal fetén, como de mestre a alumno limitadiño, o certifica con claridade.

 

Ilustración: Duque de Pastrana, de Juan Carreño de Miranda. 1650 circa.

Advertisements

Written by arume

17/09/2009 ás 21:16

Publicado en Uncategorized

5 Respostas

Subscribe to comments with RSS.

  1. Pensarán os responsables do Grupo PRISA que un goberno de dereitas lles iría mellor para os seus intereses económicos? Que, ó fin é ó é do que se trata, de defender intereseparticulares que non os xerais.

    xossedorrio

    17/09/2009 at 22:59

  2. Excelente análise: candos vexas as barbas doutro nun jacuzzi a afeitar… bota as túas a remollar, ou máis ou menos.

    suroeste

    17/09/2009 at 23:30

  3. Tanto ten que sexa Zapatero coma outro presidente da esquerda (da dereita xa nin comento), nesta “democracia de baixa intensidade”, e o mercado económico quen decide por nós, en base a rendibilidade financeira do capital, e neste intre falan de que PRISA ten un furado de 5.000 Millóns de euros.

    balonga

    18/09/2009 at 00:09

  4. Como lector de EL PAÍS desde o seu nacemento, tamén eu ando abraiado cos ataques-TDT a Zapatero. Moi boa a súa análise. Eu descarto tamén a Estefanía, non o creo capaz de tal cousa; así que xa quedan menos.

    Un lector

    18/09/2009 at 11:52

  5. O problema do editorial, foi que era algo pouco habitual e en parte propiciado polo pastel da TDT, nun xornal que sempre dixo si a todo, aínda que con iso, hai que dicir, que nos seus argumentos tiñan bastante razón (un goberno que últimamente di unha cousa e ao día seguinte a contraria, unha crise que podían habela tomado polos cornos desde o inicio, a marcha de Solbes, Sevilla…) aínda que como xa dixen, apesta a tema do tdt, cousa que o resto de grupos tamén queixouse polas formas, aínda que logo votárano ó favor, especialmente os cataláns, que para eso anda ahí metida Mediapro

    andresrguez

    18/09/2009 at 16:04


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: