ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

JUAN TESORO

with 2 comments

AGATA-AZUL

Cando cheguei á As Pontes o ano 1974, coñecín a Rafa. Viña de Ponferrada coma min, aínda que eu pasara un moi intenso ano en Madrid antes de chegar á vila de Endesa. Moi axiña, case de inmediato, comprobei que tiñamos idénticos intereses, semellantes gustos, algo raros (literatura, música, política) para aqueles tempos. Desde o primeiro momento, quixo que visitara a súa familia, que vivía nunha das mellores casas do Poboado das Veigas: o seu pai era director da central de Endesa e a súa nai, Pepa, era profesora de Literatura española en excedencia voluntaria. Tiña dúas irmás máis pequenas e compartían todos eles espazo cunha muller que se encargaba das tarefas domésticas, chamada Fina, a quen querían e respetaban coma a unha segunda nai, e a filla desta, Carmina, irmá a todos os efectos e afectos de Rafa.

O primeiro que me chamou a atención foi a espléndida biblioteca que tiñan no salón e, derivado disto, a constante conversa que mantiña o meu amigo Rafa cos seus pais sobre os libros lidos, as novas publicadas nos xornais, ou sobre os sucesos políticos. Aínda que na miña casa e na miña familia sempre foi fundamental a tertulia, naquela casa de Rafa adquiría todo un aire intelectual que eu ignoraba ata o momento. Alí aprendín infinidade de cousas, só cos ouvidos ben abertos ao que se dicía. Os pais, de orixe almeriense con ponlas catalás, eran militantes antigos do PSOE (o avó foi un destacado dirixente de UXT e PSOE en Andalucía durante a República) e, no tempo que viviron alí, sobre todo nos finais do franquismo e comezos da transición, tentaron rearmar o partido, con escasísima fortuna todo hai que dicilo, por aqueles pagos. Resultaba moi difícil de comprender que o ilustrado enxeñeiro xefe de Endesa de As Pontes fose ademáis dirixente dun partido alcumado socialista. Iso non foi óbice para que durante moito tempo mantivesen os pais de Rafa un activismo político inusual en persoas tan sinaladas. Aínda lembro o día en que me levaron á sede do partido socialista en Coruña, nos Castros, nun mísero curruncho (quen o diría agora!) daqueles altos edificios desde os que se ve o porto de san Andrés. Ou o día en que me presentaron na súa casa ao que hoxe ocupa a presidencia do Principado de Asturies, daquela militante peceiro, Tinín Areces. A pesar desta convivencia, nunca foron quen de empuxarme ou de facer conmigo mínimo proselitismo: todo o contrario, admitían de moi bó grao (con compracentes desculpas polo meu individualismo) as miñas reticencias e as miñas palabras de censura dos comportamentos socialistas. O pai de Rafa, ademáis, gustaba moito de camiñar polo cabo de Gata e recoller minerais que logo pulía nun rudimentario tambor cheo de area, accionado cun motor, que convertía aqueles toscos croiños en fermosísimas ágatas de miles de cores. A súa casa estaba chea de recipientes transparentes con estas pedras. 

Un día de 1977 marcharon de As Pontes. Foron vivir a Madrid por traslado do seu pai a un posto de certa responsabilidade na empresa. A militancia, cada vez máis notoria do pai, xa que era o responsable xa desde aquela época pontesa, do programa enerxético do PSOE, fixo que, despois da victoria socialista en 1982, o nomearan para un cargo de gran importancia e dificilísimo empeño: Presidente de Hunosa. Alí foi pasar, se cadra, os máis duros anos da súa vida, xa que lle tocou, coma socialista, facer unha durísima reconversión (despido e prexubilacións de boa parte da plantilla) da minería asturiana. Algunha vez coincidín con el na casa de Madrid, que eu visitaba con certa frecuencia. Puiden aprezar, cando xa ocupaba outro cargo de menor relevo nunhas minas de potasa en Cataluña, unha certa desilusión por aquela etapa. Son capaz de entender o fondo daquela melancolía, pero nin el mesmo era quen de admitir a rectitude daqueles anos.

Durante moitos anos, foron espaciándose as visitas a Madrid a casa do meu amigo querido Rafa. As circunstancias de cada un dificultaban os encontros. Catro ou cinco veces nos vimos desde aquela. Na última, en maio, preguntei pola súa familia mentres apurabamos uns calamares perto da estación de Chamartín, risas e emocións por medio. Por teléfono falabamos algunhas veces, largo e tendido. Felicitabamonos os cumpreanos, como este último 8 de agosto dos seus 47 anos cunha mensaxe desde Italia. Sempre nos mantivemos (e mantemos) un cariño extraordinario, fóra desta distancia que nos separa.

Hoxe leo en EL PAÍS a esquela do seu pai, falecido onte, co seu nome e os seus apelidos. Vexo nesas letras que miro atento, como non crendo a noticia, ao seu pai agora mesmo ali sentado no grande ventanal que daba ao xardín da súa casa de As Pontes; véxoo nítido lendo o National Geographic ou enchendo de liñas un libro de xogos matemáticos, clasificando ágatas ou pescudando no Larousse a etimoloxía dalgunha palabra. Vexo agora a súa faciana sempre sorrinte, con dúas enrugas simpáticas que parecían pendurarse dos seus labios, burlándose inocentemente de nós os dous, mentres perpetrabamos algunha canción á guitarra: “¿Qué tal Sinfunkel y Garfón?”.

Que a terra lle sexa leve, don Juan Tesoro: vaia unha fortísima aperta á toda a súa familia desde esta parte do mundo, desde esta Galicia que vostede tanto amou.

ADDENDA: Chega a min semblanza acaída del no xornal La Nueva España, que dedica a súa portada a esta triste noticia.

Written by arume

19/09/2009 ás 17:41

Publicado en Uncategorized

2 Respostas

Subscribe to comments with RSS.

  1. Un abrazo enorme para la familia y a ti Arume graciñas por compartilo.Bicos

    Carmen

    20/09/2009 at 12:32

  2. […] Como el hermoso homenaje de un querido amigo, que ahí sigue en medio de la immensidad de la logosfera (v. Juan Tesoro). […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: