ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

Archive for Setembro 20th, 2009

CATRO AEROPORTOS

with one comment

aeroporto1

Nun radio de acción dunha hora e media, un cidadán de Vigo e arredores ten a seu dispor nada máis e nada menos que catro aeroportos. Se ese cidadán mostra, como parecen sinalar as estatísticas máis recentes, unha crecente habilidade para a informática, pode entreterse buscando combinacións aereas a case todos os lugares do mundo mudando tan só o nome do aeroporto de saída. Esta variedade é probablemente insólita no mundo, pero o cidadán citado non ve con malos ollos esta situación. Entre estes catro aeroportos o de Porto é, beleza e elegancia aparte, o que máis posibilidades lle outorga, tanto para viaxes europeos, con ou sen Ryanair, como transoceánicos. Alén diso, pode achegarse alí en autobús (cun servizo mellorable) ou pode deixar o coche nos párkings de longa duración por prezos razonables. Entenderá calquera que para o usuario de avións, turista ou non, esta situación é preferible a moitas outras. E tamén entenderá calquera que neste trámite nin o localismo ou nacionalismo de pensarmos que se prexudica a Galicia ou a calquera das cidades de Galicia con aeroporto, nin a actual estructura nacional do sistema aéreo que esixe sempre unha conexión con Madrid ou Barcelona lle permite ao cidadán da terra que Ferrín prefire chamar de Turonio esta liberdade de movemento.

A apelación estes días a unha concordia aeroportuaria, por medo a que Porto remate por acaparar ao cliente, só pode entenderse conforme a un rancio nacionalismo (tinguido de localismos curtidos cos anos) que mira o territorio con fronteiras. Nacionalismo de doble signo (galego e español), que curiosamente neste punto coinciden para negar a pertinencia dun aeroporto útil e cómodo para cidadáns que o consideran lexitimamente tan seu coma o de Lavacolla. Pero esa apelación tamén se debe á sempre polémica disputa entre a lei do mercado que sempre aparece simultaneamente como xeradora de riquezas miles e como pervertidora da cohesión social e a supostamente necesaria regulación do negocio. Desde ese punto de vista, a estructura aeroportuaria de Galicia (por establecer agora as fronteiras constitucionais) ten máis que ver con concepcións infraestructurais marcadas pola política que con verdadeiros criterios económicos e menos co servizo máis acaído ao usuario. Non fai falta máis que atender á indecente e ás veces nula ligazón dos aeroportos mediante transporte público non só coa poboación de referencia senón con outros lugares que a priori deben recibir os viaxeiros: como fai o cidadán de Lugo para ir a Lavacolla? Pero, sendo esto irritante, a intervención distorsionadora dos poderes públicos en detrimento da lóxica comercial conduce a despropósitos dificilmente contestables como que unha cidade pequena como Compostela, cuxa poboación é claramente inferior a calquera das outras, reciba o groso da inversión ou que calquera das cidades compitan en desleal concurso coa aportación dunha considerable axuda/subvención pública para conquerir ese vó desexado. O modelo do aeroporto único en Santiago non estaría mal se os outros desapareceran: con todos os tres no saco, resulta estrana esta combinación de liberdade de comercio e institución desde arriba do programa de interconexións.

O mundo das viaxes aereas ten mudado moitísimo nos últimos tempos: a liberalización de liñas (coas que se pode estar en desacordo en función dunha concepción reguladora do mercado) permite que as vellas estratexias de carácter nacional se vexan incomodadas ou definitivamente trastrocadas pola aparición de iniciativas privadas que atraen aos usuarios. O pulo rexistrado en aeroportos noutrora infrautilizados, a formidable resposta das xeracións máis novas ás ofertas de Ryanair ou de Easyjet (á marxe da súa calidade) deixan, ao meu xuízo, un tanto obsoletas estas leas e, sobre todo, estes sobreactuados laios de alcaldes que só emiten os seus berros cando os tratos opacos con diñeiro de todos non colman o interese do low cost de turno. Sería moi conveniente ademáis (o que non fixo, polo de agora, ese corifeo de concellos o outro día nun patio renacentista de Santiago coas súas grandilocuentes proclamas pola Unidade Aeroportuario Galega) que dunha vez por todas pensaran este curruncho da península como un todo articulado, sen miños mentais que impidan ver que o Sá Carneiro tamén é aeroporto noso, se cadra o máis fermoso, cómodo e práctico de todos eles.

Written by arume

20/09/2009 at 22:44

Publicado en Uncategorized