ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

Archive for Setembro 28th, 2009

SERÁN INDIMENTICABILE

with 7 comments

7519_1151590708205_1180767750_30432500_3775134_n

Chegamos ás 12 da mañán, nun día de setembro, limpo e luminoso, e acompañados de Juanma, un encantador sevillano do barrio de Miraflores, á Pedreira, coas indicacións anónimas pero fácilmente atribuibles á gran Legnaresa. A Pedreira, un non lugar dun non horizonte camiño da Ribeira Sacra, entre Ourense e Luintra, é un espazo surrealista que ten como referencia sensible un portalón negro, unha senra de xarrés, unha poza de azul piscina e unha longa mesa baixo as uvas xa medio murchas dunha solaina. As voces dunha compañía de moinantes e trouleiros no silencio de Nogueira de Ramuín alerta do lugar e convida a traspasar o ferro da porta. Na porta, unha moto contén a Fortes, adornado dunha camiseta coa lenda “Os vellos gaiteiros nunca morren”. Entramos. Ao fondo, sobre un leito de brasas, queima costelas de churrasco un home hirsuto de esplendoroso torso de veludo branquexado. Corremos a saúdalo, pero polo camiño advertimos a procedencia das voces. Arredor dunha táboa de cristal, o Barón do Recatelo anima ao xentil Outumuro a laminar xamón. Inma e Pablo trasegan tortillas. Kiko, Chus e Inma resolven sobre o queixo. E os que chegamos decidimos achegarnos, coa timidez do advenedizo, ás aceitunas. Un viño Mencía asiste temeroso ás esceas prelimiares. Mina, a dama de Teherán, chega cunha especie de revolto de berenxenas, allos, tomate e cúrcuma á mesa. O pan de Cea serve para pousar esa esquisita mestura. A Duquesa da Pedreira aparece por alí, xa algo máis calmada despois da multa, coas galas amabilísimas e xenerosas de anfitriona. Hai fame. Moita fame e a bandexa de xamón vai baixando paseniño pero inexorable. Imos ver ao varón hirsuto do churrasco, o Gran Duque da Pedreira, coa laureada de vitela no peito. Non nos dá a man. Prefire a aperta e na aperta asumimos a pel húmida da súa súor. Paco, a quen coñecemos nese intre, acarrea as viandas e o inmenso Medela ofrece o seu corpo para cumplir con tantas fortes apertas que mandamos polo feisbu. Van chegando os que faltan, o gran Xoan da Cova, coa súa ameazante cámara de video preparada para o iutuf, e máis tarde Lorena, a musa do istmo, a raíña do cabaré dos Cantóns.

O xantar de ciurrasco, tras os inacabables aperitivos, transcorre baixo a parra, con voces que non paran de falar, mentres Dacova e Outumuro apuntan coas súas cámaras. Abraiado, Juanma recolle tamén as instantáneas do evento. Risas, risas e máis risas. Veñen os postres: pasteis de Lugo, cañas de Allariz, linguas de Vigo, bicas de Ourense, flan de café, figos de Extremadura. E despois café, licores, licores, licores. A tarde pasa voando. Algúns deciden piscina; outros agariman Rectoral de Amandi. Empezan os cantares, miudiños ao comezo, volcánicos aos poucos. Dacova, en medio da treboada de gorxas, baixa a Ourense polo seu órgao. Cando volta, vinte minutos despois, coloca o manubrio baixo a mazaira e concede palco e micro ao showman da Ziralla. Anuncia festas en Quintela de Leirado e cordero en rifas. Saúda a concorrencia e deixa que o caudal desborde. New York, New York na voz das silveiras e dos regos das égoas. O Rei no estoupar de outos muros, penas e legnaresas. Na randeeira brila o abraio dos barreiros e das bandes. Danzan as belas donas, virxinais, inmaculadas, entre minas e inundacións sen arranxo posible. Baixo a parra albíscase unha media lúa de lume. Juanma, entretanto, pampo, retrata a noite, cando só podo ver sombras ao fondo do camiño. Escóitase ao lonxe como dun soño que con el alma no puedo. Tomamos o coche, e saimos á estrada para Vigo. 

A ledicia completa se non é iso ten que ser algo que se lle pareza.

Written by arume

28/09/2009 at 22:29

Publicado en Uncategorized