ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

Archive for Outubro 2009

REGRESO AO LUGAR ONDE NACÍN

with 3 comments

Lazurtegui y alrrededores BNVoume de volta ao campo negro de onde vin. Pídemo o público entregado (sobre todo, tras unhas horas de viños) que me reclama branco sobre negro. Satisfacción lles dou.

Son, coma ven, moi compracente. 

Poño de despedida a foto que pensei e descartei para a rentrée. A praza de Lazúrtegui, no seu estadio inmediatamente anterior ao meu nacemento. O cine Edesa xa estaba.

Written by arume

14/10/2009 at 22:19

Publicado en Uncategorized

A MIÑA RADIO

with one comment

RADIO ANTIGUAA miña emisora de radio preferida (única, máis ben) é Radio 5. Non escoito a radio na casa: só no coche e de camiño do traballo. Como adoito tardar vinte minutos no traxecto, o sistema de noticias cada quince minutos permíteme estar ao tanto das novidades sen problema algún. Agora introduciron algún cambio e durante boa parte da mañán e tamén da tarde ofrecen un programa tipo magazín de información permanente. Hai que recoñecer que logran facer unha programación excelente, cun cuidado moi grande pola expresión oral, cun nivel de análise política moi notable e sen divismos de ningunha clase. Abordan sempre asuntos de actualidade, sempre moi ben preparados, lonxe de calquera simpleza interpretativa, e ademáis de xeito moi agradable e mesmo divertido. Hoxe deixeinos entrevistando a Patarroyo, do que quitaron extraordinarias explicacións, a un nivel máis culto do habitual (que non está rifado coa divulgación e co sentido de servizo público), pero entretido e cordial. Cando ía para o traballo, escoitei unha alfaia da crónica xornalística, asinada por Santiago Cribeiro e Seve Cajide, sobre o rito tridentino na parroquia de santa Cristina en Oza dos Ríos. Impagable reportaxe que non son quen de atopar na programación da súa páxina web.

Levo escoitando esta canle desde case sempre. Algunhas seccións dan arrepíos (coma a de Pardo de Santayana), pero o normal é atopar información divertida (Paco Clavel e a súa Extravaganza), interesante (as magníficas roldas de corresponsais), macabra (Nieves Concostrina en Polvo eres) ou curiosa (a algo purista Hablando en plata, non sempre acertada, de Amelia Fernández). Músicas de estraña orixe e difícil acceso, que non atopan oco noutras canles, tamén teñen o seu espazo nesta magnífica e verdadeira radio pública. 

Non sei se a súa estructura en doses pequenas, fragmentaria e exposta en forma de mosaico, semellante en audio (o ida e volta do podcast) ao que contemplamos nas páxinas en Internet, contribúe  á miña predilección. É moi posible, pero estou seguro de que, como dicía aquela vella publicidade dos reloxos sanyo, algún día todas as radios se fabricarán así.

Written by arume

09/10/2009 at 16:04

Publicado en Uncategorized

DESFOGO MATUTINO

with 3 comments

fAs persoas de avanzada idade (ou idade avanzada, non sei se a orde supón unha pequena variación de sentido: eu creo que si) ou, en linguaxe políticamente incorrecto, as vellas (os vellos van a mandado á compra e case sempre teñen pouca ou ningunha présa) que atopamos no supermercado, nomeadamente próximas á cola, ou sofren unha transformación radical en vendo a unha caixeira que as leva a parecer o diaño de Tasmania ou son así de retorta nación ou de educación incompleta. Porque non é normal a agresividade, a impaciencia e o pésimo leite que gastan tan axiña coma ven que hai máis de dúas persoas agardando. Berran de forma animal á encargada, con movemento de caxato incluido, puxan con habelencia ao pánfilo de diante que non agarda semellante búfalo polas costas a pesar do minguado do seu corpo mesmo ensarillado ou, no caso menos violento, pasan por diante aducindo un non sei que que quedan boreando ou sen aducir nada ancha es Castilla. Un tende, ás veces, a comprender esa actitude, a explicarse que motivos poderosos e íntimos e insospeitados levan a esas mulleres a atacar violentamente aos seus semellantes en especie co propósito de non teren que agardar, sobre todo despois de que un as mira escarranchadas, cunha perna tolleita ou cunha zapatilla ortopédica para superar dores e aliviar enfermidades. A compaixón que esta imaxe suscita sempre é inútil cando as atopas nas beiras da caixa do super. Un mira e remira a vella e non atopa ese pequeno fulgor de comprensión do outro, ningunha pinga de piedade: directamente sinte que o sangue se lle sube á cabeza e ten desexos de berrar barbaridades unha tras outra e de deixala agardar quince minutos máis, cunha conversa tranquila co caixeiro ou coa procura lenta da moeda de cinco céntimos que curiosamente queres quitar do peto máis difícil pase o que pase. Nada disto, no entanto, sucede: a vella consegue pasar e, con frecuencia, pasado o trámite, detén o seu vagar tranquilo coa primeira amiga que atopa tras consumar a aventura.

E logo falan da rapazada incivil. 

Nota: a foto do Fairway de Broadway ilustra e dá a esquecemento da furia o rudo encono.

Written by arume

08/10/2009 at 13:45

Publicado en Uncategorized

SOBRE COLLEDOR

with one comment

alcapone

Leo por distracción os diálogos correísticos. Terei tempo de meterlles o dente máis a fondo, pero polo de agora teño que confesar que me abraian dúas cousas. Por orde cronolóxico, o pracer infantilizado por autos de lujo de estampa hortera con tapicería de coiro negro para presumiren ou por reloxos caros para lociren na muñeca entre bandeira de España e da Comunitat Valencià, polo que son capaces de vender a súa nula vergonza. E, en segundo lugar, e máis importante, a máis absoluta cegueira dos votantes valenciáns ante semellante exhibición de vaidade persoal e política. Como non é capaz alguén de non xulgar inmoral ou mesmo delictivo o seu modo de comportarense, de presentarense en público, incluso de vestirense ou de levaren a raia cortada á navalla a un lado diante dos seus administrados?

Pode que estea eu cheo de prexuízos, pode que me deixe arrastrar por un insano resentimento, propio dos descendentes de roxos que nunca deixaron de admitir se non a loita de clases marxista, sí a vella lenda de que “aínda hai clases”. É posible que todo sexa resultado da miña incapacidade de comprensión do fatuo e do baleiro agochado tras garabatas de hermés. Acepto todo isto, pero non me poderán negar que hai que estar completamente cego, conscientemente xordo e tristemente calado para votar a estes rufiáns que se delatan só coa súa provocadora presencia.

Written by arume

07/10/2009 at 18:37

Publicado en Uncategorized

ASUMIR RESPONSABILIDADES

with 2 comments

misteri_8

 

Houbo un tempo, non tan mítico, en que os cargos públicos, albiscada a súa incompetencia, insinuada a súa mínima deshonestidade e medio revelada a súa dose de inmoralidade pública, empregaban a fórmula eufemística “asumo as responsabilidades” para liscar pola porta (normalmente traseira) do poder. Houbo outro tempo ulterior en que tal fórmula deixou de levar consigo o portazo correspondiente e significou apenas que o cargo público decidía agardar a que escampara para que a marcha fose voluntaria e non forzada polas contrarias circunstancias. A este tempo lle seguiu outro en que “asumir as responsabilidades” xa non indicaba máis ca esto e que, tras a asunción (sen subida aos ceos, pero sen o oportuno e demandado descensus ad inferos), o cargo público, demostrada a súa incompetencia, probada a súa máxima deshonestidade e mesmo admitida a súa dose de inmoralidade pública (común a tanta xente, nunha subtil inversión do consolo de parvos como éxtase de espilidos), permanecía na poltrona contra vento e marea, ás veces mesmo con perda de eleccións mediante.

Agora, o cargo público, pillado in fraganti, comprado en contante e sonante, ausentes vergonza e decencia, evita (porque entre outras cousas a descoñece) a fórmula eufemística, remite al altísimo se se tercia (que vén sendo o superior en ternos e nasalidades), e agarda a que o boten. Porque dalí el non se apea así baixe maría santísima (tal é a devoción cristiana destes ninots de Emidio Tucci) da cúpula da catedral de Elx.

Written by arume

06/10/2009 at 18:12

Publicado en Uncategorized