ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

Archive for Outubro 8th, 2009

DESFOGO MATUTINO

with 3 comments

fAs persoas de avanzada idade (ou idade avanzada, non sei se a orde supón unha pequena variación de sentido: eu creo que si) ou, en linguaxe políticamente incorrecto, as vellas (os vellos van a mandado á compra e case sempre teñen pouca ou ningunha présa) que atopamos no supermercado, nomeadamente próximas á cola, ou sofren unha transformación radical en vendo a unha caixeira que as leva a parecer o diaño de Tasmania ou son así de retorta nación ou de educación incompleta. Porque non é normal a agresividade, a impaciencia e o pésimo leite que gastan tan axiña coma ven que hai máis de dúas persoas agardando. Berran de forma animal á encargada, con movemento de caxato incluido, puxan con habelencia ao pánfilo de diante que non agarda semellante búfalo polas costas a pesar do minguado do seu corpo mesmo ensarillado ou, no caso menos violento, pasan por diante aducindo un non sei que que quedan boreando ou sen aducir nada ancha es Castilla. Un tende, ás veces, a comprender esa actitude, a explicarse que motivos poderosos e íntimos e insospeitados levan a esas mulleres a atacar violentamente aos seus semellantes en especie co propósito de non teren que agardar, sobre todo despois de que un as mira escarranchadas, cunha perna tolleita ou cunha zapatilla ortopédica para superar dores e aliviar enfermidades. A compaixón que esta imaxe suscita sempre é inútil cando as atopas nas beiras da caixa do super. Un mira e remira a vella e non atopa ese pequeno fulgor de comprensión do outro, ningunha pinga de piedade: directamente sinte que o sangue se lle sube á cabeza e ten desexos de berrar barbaridades unha tras outra e de deixala agardar quince minutos máis, cunha conversa tranquila co caixeiro ou coa procura lenta da moeda de cinco céntimos que curiosamente queres quitar do peto máis difícil pase o que pase. Nada disto, no entanto, sucede: a vella consegue pasar e, con frecuencia, pasado o trámite, detén o seu vagar tranquilo coa primeira amiga que atopa tras consumar a aventura.

E logo falan da rapazada incivil. 

Nota: a foto do Fairway de Broadway ilustra e dá a esquecemento da furia o rudo encono.

Written by arume

08/10/2009 at 13:45

Publicado en Uncategorized