ARUME DOS PIÑEIROS

CAXIGALINES NELA REGUERA'L CAMPIZU

REGRESO AO LUGAR ONDE NACÍN

with 3 comments

Lazurtegui y alrrededores BNVoume de volta ao campo negro de onde vin. Pídemo o público entregado (sobre todo, tras unhas horas de viños) que me reclama branco sobre negro. Satisfacción lles dou.

Son, coma ven, moi compracente. 

Poño de despedida a foto que pensei e descartei para a rentrée. A praza de Lazúrtegui, no seu estadio inmediatamente anterior ao meu nacemento. O cine Edesa xa estaba.

Written by arume

14/10/2009 at 22:19

Publicado en Uncategorized

A MIÑA RADIO

with one comment

RADIO ANTIGUAA miña emisora de radio preferida (única, máis ben) é Radio 5. Non escoito a radio na casa: só no coche e de camiño do traballo. Como adoito tardar vinte minutos no traxecto, o sistema de noticias cada quince minutos permíteme estar ao tanto das novidades sen problema algún. Agora introduciron algún cambio e durante boa parte da mañán e tamén da tarde ofrecen un programa tipo magazín de información permanente. Hai que recoñecer que logran facer unha programación excelente, cun cuidado moi grande pola expresión oral, cun nivel de análise política moi notable e sen divismos de ningunha clase. Abordan sempre asuntos de actualidade, sempre moi ben preparados, lonxe de calquera simpleza interpretativa, e ademáis de xeito moi agradable e mesmo divertido. Hoxe deixeinos entrevistando a Patarroyo, do que quitaron extraordinarias explicacións, a un nivel máis culto do habitual (que non está rifado coa divulgación e co sentido de servizo público), pero entretido e cordial. Cando ía para o traballo, escoitei unha alfaia da crónica xornalística, asinada por Santiago Cribeiro e Seve Cajide, sobre o rito tridentino na parroquia de santa Cristina en Oza dos Ríos. Impagable reportaxe que non son quen de atopar na programación da súa páxina web.

Levo escoitando esta canle desde case sempre. Algunhas seccións dan arrepíos (coma a de Pardo de Santayana), pero o normal é atopar información divertida (Paco Clavel e a súa Extravaganza), interesante (as magníficas roldas de corresponsais), macabra (Nieves Concostrina en Polvo eres) ou curiosa (a algo purista Hablando en plata, non sempre acertada, de Amelia Fernández). Músicas de estraña orixe e difícil acceso, que non atopan oco noutras canles, tamén teñen o seu espazo nesta magnífica e verdadeira radio pública. 

Non sei se a súa estructura en doses pequenas, fragmentaria e exposta en forma de mosaico, semellante en audio (o ida e volta do podcast) ao que contemplamos nas páxinas en Internet, contribúe  á miña predilección. É moi posible, pero estou seguro de que, como dicía aquela vella publicidade dos reloxos sanyo, algún día todas as radios se fabricarán así.

Written by arume

09/10/2009 at 16:04

Publicado en Uncategorized

DESFOGO MATUTINO

with 3 comments

fAs persoas de avanzada idade (ou idade avanzada, non sei se a orde supón unha pequena variación de sentido: eu creo que si) ou, en linguaxe políticamente incorrecto, as vellas (os vellos van a mandado á compra e case sempre teñen pouca ou ningunha présa) que atopamos no supermercado, nomeadamente próximas á cola, ou sofren unha transformación radical en vendo a unha caixeira que as leva a parecer o diaño de Tasmania ou son así de retorta nación ou de educación incompleta. Porque non é normal a agresividade, a impaciencia e o pésimo leite que gastan tan axiña coma ven que hai máis de dúas persoas agardando. Berran de forma animal á encargada, con movemento de caxato incluido, puxan con habelencia ao pánfilo de diante que non agarda semellante búfalo polas costas a pesar do minguado do seu corpo mesmo ensarillado ou, no caso menos violento, pasan por diante aducindo un non sei que que quedan boreando ou sen aducir nada ancha es Castilla. Un tende, ás veces, a comprender esa actitude, a explicarse que motivos poderosos e íntimos e insospeitados levan a esas mulleres a atacar violentamente aos seus semellantes en especie co propósito de non teren que agardar, sobre todo despois de que un as mira escarranchadas, cunha perna tolleita ou cunha zapatilla ortopédica para superar dores e aliviar enfermidades. A compaixón que esta imaxe suscita sempre é inútil cando as atopas nas beiras da caixa do super. Un mira e remira a vella e non atopa ese pequeno fulgor de comprensión do outro, ningunha pinga de piedade: directamente sinte que o sangue se lle sube á cabeza e ten desexos de berrar barbaridades unha tras outra e de deixala agardar quince minutos máis, cunha conversa tranquila co caixeiro ou coa procura lenta da moeda de cinco céntimos que curiosamente queres quitar do peto máis difícil pase o que pase. Nada disto, no entanto, sucede: a vella consegue pasar e, con frecuencia, pasado o trámite, detén o seu vagar tranquilo coa primeira amiga que atopa tras consumar a aventura.

E logo falan da rapazada incivil. 

Nota: a foto do Fairway de Broadway ilustra e dá a esquecemento da furia o rudo encono.

Written by arume

08/10/2009 at 13:45

Publicado en Uncategorized

SOBRE COLLEDOR

with one comment

alcapone

Leo por distracción os diálogos correísticos. Terei tempo de meterlles o dente máis a fondo, pero polo de agora teño que confesar que me abraian dúas cousas. Por orde cronolóxico, o pracer infantilizado por autos de lujo de estampa hortera con tapicería de coiro negro para presumiren ou por reloxos caros para lociren na muñeca entre bandeira de España e da Comunitat Valencià, polo que son capaces de vender a súa nula vergonza. E, en segundo lugar, e máis importante, a máis absoluta cegueira dos votantes valenciáns ante semellante exhibición de vaidade persoal e política. Como non é capaz alguén de non xulgar inmoral ou mesmo delictivo o seu modo de comportarense, de presentarense en público, incluso de vestirense ou de levaren a raia cortada á navalla a un lado diante dos seus administrados?

Pode que estea eu cheo de prexuízos, pode que me deixe arrastrar por un insano resentimento, propio dos descendentes de roxos que nunca deixaron de admitir se non a loita de clases marxista, sí a vella lenda de que “aínda hai clases”. É posible que todo sexa resultado da miña incapacidade de comprensión do fatuo e do baleiro agochado tras garabatas de hermés. Acepto todo isto, pero non me poderán negar que hai que estar completamente cego, conscientemente xordo e tristemente calado para votar a estes rufiáns que se delatan só coa súa provocadora presencia.

Written by arume

07/10/2009 at 18:37

Publicado en Uncategorized

ASUMIR RESPONSABILIDADES

with 2 comments

misteri_8

 

Houbo un tempo, non tan mítico, en que os cargos públicos, albiscada a súa incompetencia, insinuada a súa mínima deshonestidade e medio revelada a súa dose de inmoralidade pública, empregaban a fórmula eufemística “asumo as responsabilidades” para liscar pola porta (normalmente traseira) do poder. Houbo outro tempo ulterior en que tal fórmula deixou de levar consigo o portazo correspondiente e significou apenas que o cargo público decidía agardar a que escampara para que a marcha fose voluntaria e non forzada polas contrarias circunstancias. A este tempo lle seguiu outro en que “asumir as responsabilidades” xa non indicaba máis ca esto e que, tras a asunción (sen subida aos ceos, pero sen o oportuno e demandado descensus ad inferos), o cargo público, demostrada a súa incompetencia, probada a súa máxima deshonestidade e mesmo admitida a súa dose de inmoralidade pública (común a tanta xente, nunha subtil inversión do consolo de parvos como éxtase de espilidos), permanecía na poltrona contra vento e marea, ás veces mesmo con perda de eleccións mediante.

Agora, o cargo público, pillado in fraganti, comprado en contante e sonante, ausentes vergonza e decencia, evita (porque entre outras cousas a descoñece) a fórmula eufemística, remite al altísimo se se tercia (que vén sendo o superior en ternos e nasalidades), e agarda a que o boten. Porque dalí el non se apea así baixe maría santísima (tal é a devoción cristiana destes ninots de Emidio Tucci) da cúpula da catedral de Elx.

Written by arume

06/10/2009 at 18:12

Publicado en Uncategorized

SERÁN INDIMENTICABILE

with 7 comments

7519_1151590708205_1180767750_30432500_3775134_n

Chegamos ás 12 da mañán, nun día de setembro, limpo e luminoso, e acompañados de Juanma, un encantador sevillano do barrio de Miraflores, á Pedreira, coas indicacións anónimas pero fácilmente atribuibles á gran Legnaresa. A Pedreira, un non lugar dun non horizonte camiño da Ribeira Sacra, entre Ourense e Luintra, é un espazo surrealista que ten como referencia sensible un portalón negro, unha senra de xarrés, unha poza de azul piscina e unha longa mesa baixo as uvas xa medio murchas dunha solaina. As voces dunha compañía de moinantes e trouleiros no silencio de Nogueira de Ramuín alerta do lugar e convida a traspasar o ferro da porta. Na porta, unha moto contén a Fortes, adornado dunha camiseta coa lenda “Os vellos gaiteiros nunca morren”. Entramos. Ao fondo, sobre un leito de brasas, queima costelas de churrasco un home hirsuto de esplendoroso torso de veludo branquexado. Corremos a saúdalo, pero polo camiño advertimos a procedencia das voces. Arredor dunha táboa de cristal, o Barón do Recatelo anima ao xentil Outumuro a laminar xamón. Inma e Pablo trasegan tortillas. Kiko, Chus e Inma resolven sobre o queixo. E os que chegamos decidimos achegarnos, coa timidez do advenedizo, ás aceitunas. Un viño Mencía asiste temeroso ás esceas prelimiares. Mina, a dama de Teherán, chega cunha especie de revolto de berenxenas, allos, tomate e cúrcuma á mesa. O pan de Cea serve para pousar esa esquisita mestura. A Duquesa da Pedreira aparece por alí, xa algo máis calmada despois da multa, coas galas amabilísimas e xenerosas de anfitriona. Hai fame. Moita fame e a bandexa de xamón vai baixando paseniño pero inexorable. Imos ver ao varón hirsuto do churrasco, o Gran Duque da Pedreira, coa laureada de vitela no peito. Non nos dá a man. Prefire a aperta e na aperta asumimos a pel húmida da súa súor. Paco, a quen coñecemos nese intre, acarrea as viandas e o inmenso Medela ofrece o seu corpo para cumplir con tantas fortes apertas que mandamos polo feisbu. Van chegando os que faltan, o gran Xoan da Cova, coa súa ameazante cámara de video preparada para o iutuf, e máis tarde Lorena, a musa do istmo, a raíña do cabaré dos Cantóns.

O xantar de ciurrasco, tras os inacabables aperitivos, transcorre baixo a parra, con voces que non paran de falar, mentres Dacova e Outumuro apuntan coas súas cámaras. Abraiado, Juanma recolle tamén as instantáneas do evento. Risas, risas e máis risas. Veñen os postres: pasteis de Lugo, cañas de Allariz, linguas de Vigo, bicas de Ourense, flan de café, figos de Extremadura. E despois café, licores, licores, licores. A tarde pasa voando. Algúns deciden piscina; outros agariman Rectoral de Amandi. Empezan os cantares, miudiños ao comezo, volcánicos aos poucos. Dacova, en medio da treboada de gorxas, baixa a Ourense polo seu órgao. Cando volta, vinte minutos despois, coloca o manubrio baixo a mazaira e concede palco e micro ao showman da Ziralla. Anuncia festas en Quintela de Leirado e cordero en rifas. Saúda a concorrencia e deixa que o caudal desborde. New York, New York na voz das silveiras e dos regos das égoas. O Rei no estoupar de outos muros, penas e legnaresas. Na randeeira brila o abraio dos barreiros e das bandes. Danzan as belas donas, virxinais, inmaculadas, entre minas e inundacións sen arranxo posible. Baixo a parra albíscase unha media lúa de lume. Juanma, entretanto, pampo, retrata a noite, cando só podo ver sombras ao fondo do camiño. Escóitase ao lonxe como dun soño que con el alma no puedo. Tomamos o coche, e saimos á estrada para Vigo. 

A ledicia completa se non é iso ten que ser algo que se lle pareza.

Written by arume

28/09/2009 at 22:29

Publicado en Uncategorized

PLATAFORMAS

with 9 comments

platleop

Tres plataformas en menos duns meses a prol do galego. Unha tras outra. Que eu saiba e por orde cronolóxica, a expensas de que outra persoa con mellor memoria me desminta, Galego, patrimonio da humanidade, Prolingua e Queremos galego. Podería mesmo engadir pola hexemonía social do galego nesta xeira de reunións convocadas para a defensa e ao tempo promoción (cando esta descende) da lingua galega. Non entendo a proliferación en tan pouco tempo. Ou se debe a unha polixénese minifundista que probablemente procura unha confluencia ulterior ou, o que me resulta máis convincente, se trata da enésima desconfianza mutua entre os adaís dos sectores galeguistas. Non quixera pensar que protagonismos políticos, asociativos ou persoais interveñan na sucesiva presentación de colectivos cívicos de protesta e mobilización. Tampouco quixera pensar que tras este agromar magnífico de plataformas se agoche un excesivo propósito de anular ou escurecer outras. Non teño dereito a siquera sospeitar que receos, cargados coa experiencia dos anos e renovados malheuresemt en tantas distintas iniciativas que se plantean neste país, poidan enturbiar a situación.

O único certo, para min e a estas alturas, é que todo esto cheira a contumaz teima autodestructora que, baixo a fórmula aparentemente xenerosa dos chamados á sumarse desde expendedurías de patentes de corso, remata de modo espléndido por restar efectivos á causa. Oxalá non estea equivocado.

Written by arume

21/09/2009 at 21:24

Publicado en Uncategorized

Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.